Un prato de sete potas, con grelos, cachucha e dúas clases de chourizo, rei por un mes en Lalín
Ata o 14 de febreiro, 26 restaurantes da capital do Deza están adheridos ao mes do cocido, na súa edición número 28
Pódeselle pedir unha cifra de cachuchas ou de quilos de grelos, pero din que é case imposible da calcular. Porque van ser milleiros de persoas as que se acheguen a desgustar un ano máis o prato estrela de Lalín.
"Botar as contas é complicado. Hai un amigo da casa que sempre se metía co meu pai e quería botarlle a conta de cantas cacheiras levaba cortadas na vida", chancea Diego López, xefe de cociña do restaurante La Molinera.
Así que cifra de cachuchas non se sabe, pero para saber a de potas ao lume hai que multiplicar por sete. A Feira do Cocido do 8 de febreiro será a edición número 58 e é de Interese Turístico desde 2020. E por enriba das cifras, destaca o sabor e xa mesmo o ben que olen as cociñas dos 26 restaurantes adheridos, ese vapor de idiosincrasia e tradición.
"Este é un prato que simboliza a agricultura e a cultura da zona. Son os produtos que habías nas casas, onde criaban o porquiño, a galiña daba os ovos para as sobremesas, e metían a pataca e o grelo que collían", explica Xosé Luís Iglesias, cociñeiro do restaurante Cabanas.
Será por iso que se precisa raíz e moitos anos de experiencia para elaboralo. E método artesá, pero con moita organización.
Aquí o ritual é comer en grupo, e inclúe que os comensais vexan cortar a cachucha.
"Cando hai estranxeiros preguntamos porque culturalmente nós estamos afeitos a ver na mesa unha cabeza de porco, pero para moitos non o é", conta Diego López.
"É completísimo. Leva verdura, legumes, proteína, e xa vedes despois as sobremesas. Leva filloas, leite fritida, cañas recheas, queixo con marmelo, flan e roscas de Entroido. Que máis queremos?", defende Xosé Luís Iglesias.