Fronte ás cadeas, cada vez empréganse máis os pneumáticos aptos para a neve
Tanto as rodas de inverno coma as 'catro estacións', válidas para todo o ano, distínguense polo símbolo dunha folerpa nunha montaña
Coas nevadas intensas, chegan os problemas para circular polas estradas cubertas de neve. En especial nas cotas máis baixas, onde resulta menos habitual o uso de todoterreos.
No caso de dispoñer de pneumáticos de verán, é entón cando se debe recorrer ás cadeas, que poden ser metálicas, máis complicadas de colocar, ou de tea. Para isto hai que saber cales son as rodas tractoras, que adoitan ser as dianteiras, non superar nunca os 50 quilómetros por hora e retiralas en canto deixen de ser necesarias.
"No caso das cadeas convencionais, non é preciso baixar dúas veces do coche. A montaxe faise collendo a cadea dende o chan e montándoa sen ter que subir ao coche no medio da operación. Tocante ás de tea, é algo máis sinxelo, pero si que hai que poñer a funda en dous pasos, poñendo primeiro unha metade, subindo ao coche para xirar a roda 180 graos e poñendo logo a parte que quedara por debaixo", explica Paco Dorado, xerente de Recambios Fraín.
Polas complicacións que entrañan, hoxe en día apenas se recorre ás cadeas. O máis común é circular con pneumáticos aptos para a neve, que se distinguen polo símbolo dunha folerpa nunha montaña. Téñeno tanto os pneumáticos de inverno, que non valen para o verán, como os coñecidos como 'catro estacións', que si serven para ser usados durante todo o ano.
"Cando falamos dun pneumático de catro estacións ou de inverno, estamos investindo en seguridade. O custo é moito máis elevado polas catro rodas, está claro, pero ao final é pneumático que nos vale para o noso día a día e para circular normalmente", sinala Dorado.
En caso de ser obrigatorio o uso de cadeas nun porto de montaña, tamén se pode circular cos pneumáticos aptos para a neve, sexan 'catro estacións' ou de inverno.