Comeza o mes do cocido de Lalín con moitas reservas xa pechadas durante a fin de semana
Participan 26 restaurantes con menús entre os 30 e os 50 euros
O mes do cocido dura ata o 14 de febreiro
Lalín inaugurou o seu mes do cocido coas reservas completas durante as fins de semana en moitos restaurantes. 26 establecementos participan este ano no evento que chega ata o entroido.
Ferven as potas ao mediodía para que o xantar estea listo para as dúas, que chegan as primeiras reservas. O menú está pechado, tradicional, con ingredientes de proximidade e para comensais que repiten cada ano.
"Os sábados son días moi complicados e os domingos tamén. A xente segue chamando e aparecen ocos por concelacións. Pola semana está tamén moi animado", asegura Diego López, cociñeiro de La Molinera.
O bo resultado depende da materia prima e dos caldos que se estraen das cocedura, pero en Lalín téñena moi practicada.
"A principal característica é que a carne de porco ademais de ser salgada e curada está afumada. Cociñamos con chourizo de carne ceboleiro, de verdura principal hai grelo e nabiza e de legume hai garavanzo. Arrincamos pola mañá coas carnes e imos mesturando caldos para rematar de cocer os chourizos, a verdura e facer a sopa", relata López.
Os prezos andan entre os 30 e os 50 euros.
"O cocido de Lalín resistiu todas as crises económicas que houbo porque a xente no quere renunciar e a relación calidade, prezo é pagable para calquera", di o cociñeiro.
Queda por diante un mes enteiro para catalo, medio cento de actividades programadas e moitas horas de potas ao lume.