Publicador de contidos

Publicador de contidos

A pizza, a icona italiana máis global, celebra o seu día mundial

A pizza, a icona italiana máis global, celebra o seu día mundial

A pizza napolitana foi declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO en 2017

 

A pizza máis famosa de Italia é a margarita, con masa napolitana
G24.gal 09/02/2026 14:32

Auga, sal, fermento e fariña. Son os catro ingredientes que conteñen o maior segredo da boa pizza, que está na masa. "A pizza é simple, non hai un segredo, é auga, fariña, sal e lévedo, e acabouse", di Iván Bartolotta, pizzaiolo. "Usando boa fariña e boas materia primas, bos produtos, fas unha pizza boa", engade.

Explica que a masa varía segundo a rexión. A máis famosa, a recoñecida como patrimonio cultural da humanidade, é a napolitana, de bordo alto e centro fino. Din que en Nápoles naceu a pizza moderna, e a receita que máis veneran: a margarita. 

"A margherita é prezada porque sentes o sabor da masa, se está ben feita, se lle falta sal... e sentes o sabor do tomate e da mozarella, se son bos ou non", di Bartolotta.

E o mesmo que en Italia deron en traballar a masa para convertela en pizza, aquí convertémola tamén no noso produto máis identitario: a empanada. 

"Son receitas de aproveitamento, de cando se facía pan nas casas" explica o panadeiro Guillermo Moscoso. "Collíase unha parte de pan e un salgado para que nos dera a maior cantidade de comida posible, fora pizza en Italia ou empanada aquí".

E tanto a empanada como a pizza son hoxe elaboracións tan respectadas por uns, como maltratadas por outros. 

"A empanada tivo unha orixe moi vencellada ao Camiño de Santiago, hoxe véndese practicamente dende Roncesvalles, e maltratouse moito" di Moscoso. "Maltratouse moito o recheo, maltraouse a masa, e foise desvirtuando o produto", lamenta.

"Hoxe hai pizzerías fóra de Italia que fan as pizzas mellores que en Italia" afirma Bartolotta. "Alí pensan que como Italia é o berce da pizza, poden facela de calquera maneira, que é boa. Pero non é así", di.

O que se celebra cada 9 de febreiro é a historia, a tradición e a excelencia da pizza. O día mundial de celebración da empanada toca o 8 de abril. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade