Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os tractores históricos do museo de Láncara superan as 5.000 visitas cada ano

Os tractores históricos do museo de Láncara superan as 5.000 visitas cada ano

Integrado nunha explotación de vacún, o MUVICLA está a restaurar pezas mesmo do século XIX para seren expostas nas súas salas

Un dos vehículos agrícolas, dun modelo dos anos 30, fora galardoado como "O mellor tractor do mundo"

Exemplar de Fordson Super Major, dos anos 60, exposto no museo
Félix Aragunde. Imaxe: Alberto Toja. 04/03/2026 20:53

O MUVICLA, en Láncara, foi o primeiro museo galego da historia da maquinaria agrícola en abrir as súas portas ao público, en xuño de 2019. Con máis de 5.000 visitas, o ano pasado bateu a súa propia marca, e agora aspira a completar a súa colección de 16 tractores históricos coa incorporación dun Fordson F de 1917. 

"Temos aquí no museo o noso propio obradoiro de restauración, e no futuro intentaremos restaurar pezas de xente que sinta verdadeira paixón. Outra das nosas liñas museísticas, nesta mesma sala, é un paseo pola historia en tractor, onde con cinco modelos tratamos de contextualizar a evolución da sociedade con respecto á mecanización agraria", explica Marcos Vázquez, director do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria. 

O museo, totalmente privado, tanto recibe excursións de escolares como visitantes chegados de todo o mundo. Ademais, acolle charlas na súa sala principal, onde se expoñen máis tractores antigos, como un Porsche ou un Steyr, unha malladora, a popular 'bertolina' ou unha colección de tractores en miniatura.

"Temos contabilizadas 200 miniaturas de maquinaria agrícola de todo tipo, dunhas 300 pezas en total que están expostas. As maiores son os tractores, que neste momento ascenden a 16, e temos unha colleitadora autopropulsada, varios motores estacionarios, unha malladora-limpadora integrada, unha malladora independente, dúas limpadoras, etcétera", sinala Marcos Vázquez. 

Unha segadora Massey-Harris do século XIX ou unha das primeiras colleitadoras Massey-Fergusson serán outras das futuras incorporacións ao museo. Integrado nunha explotación de vacún, o espazo mira tamén ao día de mañá na procura do primeiro tractor eléctrico que traballe nunha granxa galega.

"Nós aquí apostamos pola alternativa da electricidade, cunha pequena planta de produción nas instalacións da explotacion gandeira. E na actualidade xa temos a mobilidade eléctrica moi implantada, xa que o coche que máis usamos e cento por cento eléctrico", subliña o responsable do museo. 

Cunha entrada de ata 8 euros, o MUVICLA aspira tamén este ano a bater o seu propio récord de visitas.

Modelo de Fergusson dos anos 30 coa insignia ao mellor tractor do mundo Modelo de Fergusson dos anos 30 coa insignia ao mellor tractor do mundo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade