O Museo de Pontevedra custodiará de xeito permanente a colección privada de Valle-Inclán
Inclúe documentos, efectos persoais, obras de arte, mobiliario e fotografías
O acordo entre a familia e a Deputación de Pontevedra, valorado en case 300.000 euros
A colección privada de Valle-Inclán inclúe a máscara mortuoria que fixo Asorey cun molde do rosto do seu amigo acabado de falecer. Forma parte xunto a pinturas, fotografías, obxectos persoais e domésticos da colección privada do escritor. Protexida pola familia durante case un século agora pasará a ser custodiada de xeito permanente polo Museo de Pontevedra.
"É o froito de case tres anos de negociación discreta en que nós queriamos e o que querían eles, que o legado de Valle-Inclán fose exposto e dispoñible para todo o mundo, para ser estudado, para coñecer esa figura tan universal, tan poliédrica", explicaba o vicepresidente da Deputación Provincial, Rafa Domínguez.
Caricaturas, manuscritos inéditos, correspondencia con outras personalidades da cultura da época. Un conxunto patrimonial para contextualizar, entender e divulgar a figura dun galego universal.
Xa están desenvolvendo o proxecto para albergar a colección de xeito permanente.
"Vai haber un espazo habilitado para estudar a figura de Valle-Inclán", asegura Domínguez.
Para os responsables do museo contar con esta colección liga o nome de Valle-Inclán ao Museo de Pontevedra e a Galicia e redefine tamén a figura do escritor.
Durante a presentación do acordo un neto de Valle Inclán asegurou que toda herdanza está destinada a ser repartida e que agora coa cesión deste legado se cumpre os desexos da familia, que permaneza unida e disposición do público. Froito dunha operación que anda polos 290.000 euros, esa herdanza será patrimonio de todos.