A Rede Galega de Museos reforza a seguridade ante os roubos
As forzas de seguridade alertaron o Ministerio e a Xunta de que está operativo un grupo organizado que rouba obras de arte de ouro para fundilas
Os cen museos da rede galega blíndanse tras a cuarta acción en España dunha banda de ladróns de arte que -co mesmo modus operandi- roubou pezas de ouro de altísimo valor histórico e artístico en diferentes provincias. O último dos roubos foi o do denominado Tesouro de Villena, en Alacant, con pezas que databan da Idade do Bronce.
"Agora mesmo hai unha banda organizada que está operativa e hai que proceder á súa detención. A preocupación está aí, pero sen dramatismos, os museos son en xeral moi seguros", declarou Anxo Lorenzo, o director xeral de Cultura.
Para resolver calquera eventual fenda na seguridade, Xunta, Ministerio, Policía e Garda Civil coordínanse: revisan medios e protocolos, caso por caso. E tómanse, se se requiren, medidas extraordinarias. Nalgunhas comunidades mesmo están a retirar obras da zona de exposición.
"Os museos, obviamente, teñen caixas fortes e polo tanto hai comunidades que nestes días en que hai máis preocupación, están tomando medidas un pouquiño drásticas", explicou o director xeral de Cultura.
Os ladróns buscan obras de arte de materiais preciosos.
"Por que o ouro agora? Pois porque o ouro nestes momentos vale 125.000 euros o quilo, cando hai un ano valía 15.000", engadiu Anxo Lorenzo.
"Cando se trata de elementos metálicos, arqueolóxicos, que poden estar feitos en ouro e prata pois o que pensamos todos é que o destino é fundir todo iso para vender o metal. Co cal é unha perda irreparable", lamentou Esperanza Gigirey, a directora do Museo das Peregrinacións.
Cegados polo prezo ou insensibles á beleza. Esta banda pasa por alto o valor artístico e patrimonial de pezas que sobreviviron ata 3.000 anos de historia.