O Museo de Pontevedra retira coleccións da exposición tras os roubos en galerías de toda Europa
As pezas que retira temporalmente son de arte prehistórica, e entre elas está o Tesouro de Caldas
Nunha vitrina estaba exposto ata hai 2 días o Tesouro de Caldas, unha das coleccións das chamadas esenciais do Museo de Pontevedra. Noutra o tesouro de Foxados e o de Agolada. Todos foron retirados temporalmente ante a vaga de roubos cometidos en museos de toda Europa e que están obrigando os responsables a tomar medidas drásticas.
"A nosa misión non é só conservar e difundir. É tamén preservar este patrimonio de todos para as xeracións futuras", explica Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra.
O denominador común dos roubos como o de Villena, é o ouro, sobre todo coleccións voluminosas. O Tesouro de Caldas, coñecido internacionalmente, é a maior acumulación de ouro prehistórico de toda Europa. As pezas que quedan de todo atopado por casualidade, son 41, todas de ouro de gran pureza que suman un peso de 15 quilos. Dúas cuncas, unha xerra e sobre todo un peite son as máis valiosas.
"Un peite que é un caso único, único en toda Europa. Non se atopou nunca unha peza desa calidade que ten esta".
A retirada da exposición é temporal. Os museos optan por protexerse de bandas organizadas de ladróns de arte.
"O risco que corren é que desaparezan para sempre".
A gran preocupación é que esas xoias acaben nunha fundición dada a escalada do prezo do ouro. Perderíase un gran valor material pero sobre todo patrimonial.