Morre Gastón, o tiburón touro do Aquarium Finisterrae
Desde que chegou á Coruña hai vinte anos, era unha das atraccións do acuario coruñés
Foi capturado hai vinte e sete anos na costa surafricana e chegou a Oceanópole desde a cidade francesa de Brest
O tiburón touro do Aquarium Finisterrae, Gastón, faleceu 30 anos despois da súa captura na costa de Suráfrica e 20 desde que chegou á Coruña.
A quenlla da especie Carcharis taurus chegou o 24 de febreiro de 2006 ao acuario municipal da Coruña procedente da cidade francesa de Brest. Fora capturado hai vinte e sete anos na costa surafricana e estivo varios anos na Bretaña ata que os problemas de convivencia co resto de quenllas fixeron que fose necesario trasladalo. Foi entón cando chegou á Coruña.
O cambio de aires sentoulle ben e Gastón. Cando chegou a Brest medía 1,8 metros e pesaba cincuenta quilos. Na Coruña acadou os tres metros de lonxitude e chegou a pesar 120 quilos.
Na Coruña compartiu hábitat cunha compañeira da súa mesma especie, que faleceu hai algún tempo, e tamén con quenllas máis pequenas e outros grandes peixes oceánicos.
Era unha das atraccións da sala Nautilus, a máis emblemática das instalacións coruñesas.
"Quedará nos nosos recordos"
A morte de Gastón deixa un baleiro na cidade da Coruña. Tanto a conta oficial do Museo como a da alcaldesa, fixéronse eco da noticia.
Hoxe despedimos con gran tristeza a un dos nosos habitantes máis especiais, o noso querido tiburón touro Gastón. Viviu no Aquarium Finisterrae durante vinte anos, espertando a admiración de miles de visitantes de todas as idades 💙💙💙
— Museos Científicos Coruñeses (@mc2coruna) July 3, 2026
🔗https://t.co/wvzv9jHQ90 pic.twitter.com/x5vcQtXbsp
A rexedora Inés Rey escribiu unha mensaxe en redes sociais informando da morte do escualo, que durante varias xeracións espertou a fascinación de miles de coruñeses e coruñesas desde a sala Nautilus.
“Hoxe despedímolo, pero quedará nos nosos mellores recordos. Descansa en paz”, escribiu Rey.
Durante varias xeracións, Gastón espertou a fascinación de milleiros de coruñeses e coruñesas dende a sala Nautilus.
— Inés Rey (@inesreygarcia) July 3, 2026
Hoxe despedímolo pero quedará nos nosos mellores recordos.
O noso agradecemento ao equipo de @mc2coruna polo seu coidado e dedicación.
Descansa en paz. 🖤 pic.twitter.com/8WZxstxAsH
A chegada de Gastón foi a máis soada nos 27 anos de historia do Aquarium Finisterrae da Coruña. É o peixe máis grande que pasou por estas instalacións, inauguradas no ano 1999 dentro do proxecto de museos científicos da cidade, que se suma á Casa das Ciencias e á Casa do Home.
Nos orzamentos deste ano, o Concello reservou unha partida de case 13.000 euros para adquirir outra quenlla. Pero o público nunca esquecerá a Gastón, o tiburón touro do Aquarium Finisterrae.