A Policía Nacional detén cinco persoas nunha operación antidroga en Ferrol
Os axentes practicaron rexistros en vivendas da rúa Pardiñas e no barrio do Inferniño
A Policía Nacional detivo este mércores cinco persoas en Ferrol no marco de dúas operacións contra o tráfico de drogas desenvolvidas en distintos puntos da cidade.
Axentes da comisaría de Ferrol-Narón, baixo a coordinación da Brigada de Estupefacientes, levaron a cabo entradas e rexistros en varios inmobles e incautáronse diverso material relacionado coa venda e distribución de substancias estupefacientes.
Rexistros preto dos xulgados e en Porta Nova
O primeiro dos dispositivos activouse a primeira hora da mañá nunha vivenda da rúa Pardiñas, nas inmediacións dos xulgados. Os axentes accederon ao domicilio, detiveron as persoas residentes e pesaron e retiraron os efectos localizados no interior.
De maneira paralela, desenvolveuse un segundo operativo no barrio do Inferniño, na zona de Porta Nova. Neste caso, a Policía tamén practicou arrestos e interveu obxectos de interese para a investigación antes de trasladar as persoas detidas ás dependencias policiais.
A operación permanece baixo segredo xudicial.
As cinco persoas detidas permanecen na comisaría de Ferrol-Narón á espera de que conclúan as dilixencias policiais e de pasar a disposición xudicial.