Publicador de contidos

Publicador de contidos

Operación Lezna: dous anos de investigación e un duro golpe ao narcotráfico en Ferrolterra

Operación Lezna: dous anos de investigación e un duro golpe ao narcotráfico en Ferrolterra

Os investigadores comisaron 135 quilos de haxix e 31 de cocaína á esta rede de narcotráfico desarticulada en Narón

A organización tiña un piso gardería neste concello e operaba tamén en Oza-Cesuras, Arteixo e na cidade herculina

Das cinco persoas detidas catro están xa en prisión

G24.gal 14/01/2026 13:05 Última actualización 14/01/2026 14:26

A desarticulación dunha rede de narcotráfico na provincia da Coruña remata con cinco detidos -catro deles en prisión sen fianza- e a incautación de 31 quilos de cocaína, 135 quilos de haxix, cantidades menores de marihuana e ketamina, armas, cinco coches, dúas motocicletas e 85.000 euros en efectivo.

Esta intervención é froito da operación Lezna, en que participaron funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria (AEAT) e axentes da Garda Civil. A organización dedicábase á venda de cocaína e haxix co apoio dun coñecido clan de Ferrol e operaba noutros puntos da provincia, como A Coruña, Oza-Cesuras e Arteixo.

Según explicou o Subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, trátase da operación máis importante contra o narcotráfico na comarca de Ferrolterra e parabenizou á Garda Civil e á Axencia Tributaria polo seu traballo na loita contra estes delitos.

O modus operandi

Un dos investigados e "xefes" do grupo ferrolán era o encargado de abastecer a organización criminal mediante un piso gardería en Narón. Alí almacenábanse armas de fogo automáticas e semiautomáticas, ademais de droga e diñeiro en efectivo.

Desde esta localización, o grupo criminal abastecía os seus puntos de venda de droga en Ferrol.

A organización criminal dividíase en diferentes faccións e operaba a través de diferentes puntos de toda a provincia: tres leiras en Oza-Cesuras onde almacenaban grandes cantidades de droga e diñeiro; un garaxe na cidade da Coruña onde gardaban ketamina e haxix, e un punto de venda de cocaína e haxix en Arteixo.

A investigación, tutelada pola Sección Civil e de Instrución Número 2 de Betanzos, rematou con cinco detidos, dos que catro ingresaron en prisión provisional.

Ano e medio de investigación

A investigación iniciouse a mediados do ano 2024 por parte do EDOA da Garda Civil da Coruña tras interceptar un home, veciño da localidade de Oza-Cesuras, que mantiña un "alto nivel de vida" sen ter ningún tipo de actividade laboral coñecida, posuía coches e motos de alta gama e dispoñía de numerosas vivendas.

A principios de xaneiro de 2025, a Garda Civil logrou incautar un vehículo nun control rutineiro na localidade de Porzomillos cando portaba 5 quilos de cocaína e 10 de haxix. O condutor, tamén veciño de Oza-Cesuras, era socio do primeiro investigado.

Paralelamente, o Grupo de Información Rexional de Estupefacientes de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria descubriu que estes veciños de Oza-Cesuras eran parte dunha organización criminal, dividida en diferentes faccións. A rama situada en Oza-Cesuras se valía de ata tres leiras que posuía o principal investigado para almacenar grandes cantidades de droga, así como diñeiro en efectivo.

A banda utilizaba como almacén un garaxe situado na cidade da Coruña, onde a persoa encargada de realizar os transportes de droga gardaba ketamina e unha gran cantidade de haxix.

Os investigadores comprobaron que desde a localidade de Oza-Cesuras realizábanse entregas de cocaína e haxix a diferentes puntos da Coruña e Arteixo. Durante a explotación da operación en xaneiro de 2026 desarticulouse nesta última localidade un punto de venda de cocaína e haxix que era abastecido pola organización criminal.

A mediados do ano 2025, a investigación deu un avance ao identificarse nun operativo a un dos "principais xefes" dun coñecido grupo criminal de Ferrol, con antecedentes por tráfico de drogas e tenencia de armas de fogo. Este individuo, posuidor de varios inmobles, foi visto en apenas catro meses conducindo oito vehículos diferentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade