Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un xuíz pide correos entre a Concellería de Seguridade de Vigo e a Policía polo accidente do Saltamontes

Un xuíz pide correos entre a Concellería de Seguridade de Vigo e a Policía polo accidente do Saltamontes

Ademais, admite a declaración como testemuña do policía local que viu o correo sen lelo e que avisou desa circunstancia aos seus superiores

G24.gal 11/03/2026 22:37

O xuíz do tribunal de instancia, sección de instrución, praza 3 de Vigo, Abraham Tenorio, solicitou os correos electrónicos entre a Concellería de Seguridade e Festas e a Policía local previos ao accidente mortal que se rexistrou na atracción do Saltamontes nas festas de Matamá en agosto de 2024.

Nunha providencia, o xuíz ordena novas dilixencias de investigación no marco da instrución do tráxico suceso que se produciu cando un dos brazos da atracción se soltou e esmagou un usuario, Iván Castaño Hervella, de 35 anos e residente en Vigo, orixinario do Bolo, en Ourense.

Ao xefe da Policía local, un dos investigados nesta causa, o xuíz requírelle que achegue os correos electrónicos recibidos da Concellería de Seguridade e Festas nos que o Concello advertía de que a atracción carecía de autorización.

Ademais, admite a declaración como testemuña do policía local que viu o correo sen lelo e que avisou desa circunstancia aos seus superiores. Será o próximo 24 de marzo.

Á Policía local de Vigo requírelle tamén o expediente completo sobre intervencións previas na atracción nas festas de Coia e Balaídos.

O xuíz solicita tamén un informe ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para avaliar se o perito que avaliou a atracción ten capacidade para declarar ou se, debido ao seu estado de saúde, é recomendable que o faga por videoconferencia.

O xuíz require así mesmo ao perito a entrega dos certificados técnicos anuais dos últimos cinco anos da atracción e o boletín de instalación eléctrica da atracción nas festas de Matamá.

Na causa están investigados o propietario da atracción, o presidente da comisión de festas de Matamá e a propia comisión como entidade, a concelleira de Seguridade e Festas do Concello de Vigo, o xefe da área de Seguridade e Mobilidade, o perito que realizou a inspección anual da atracción e o xefe da Policía local.

A investigación xudicial puxo o foco, entre outras cuestións, en se existiu ou non unha orde expresa para precintar a atracción ao carecer de autorización municipal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade