As oposicións de Educación celebraranse a partir do 20 de xuño en quince localidades
A intención da Consellería é que o 19 de xullo estea finalizado o proceso, coa publicación de resultados
(Europa Press)
As oposicións de Educación de 2026 celebraranse a partir do próximo 20 de xuño en sesenta centros de quince localidades galegas, segundo o protocolo presentado este mércores pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O titular deste departamento autonómico, Román Rodríguez, avanzou estes datos co fin de "facilitar a loxística" ás 15.954 persoas opositoras rexistradas para as 1.601 prazas dispoñibles en 42 especialidades.
Aos opositores, ademais, hai que sumar a case 2.200 persoas (2.184) que formarán parte dos 156 tribunais, entre titulares (780) e suplentes.
O obxectivo da Consellería é que unha vez iniciadas as probas o próximo 20 de xuño o proceso conclúa o 19 de xullo, cos resultados. A partir desa data, durante o mes de agosto as persoas que aproben poderán participar no concurso de destinos, de modo que o 1 de setembro poidan incorporarse aos seus centros.
As 1.601 prazas convocadas cumpren co máximo da taxa de reposición permitido polo Goberno; isto é, o 120 %, o que quere dicir que de cada 100 persoas xubiladas pódense convocar 120 prazas.
Ademais das sete principais cidades do país, tamén haberá probas selectivas en Culleredo e Ames (A Coruña); en Valga, Silleda, Vilagarcía, Poio e Lalín (Pontevedra); e en Rábade (Lugo).
O 87 % das prazas (1.388) son de ingreso libre, mentres que as 213 prazas restantes son de promoción interna para o acceso de corpo de mestres de Infantil e Primaria ao de profesores de ESO.
O número de opositores descende respecto a anos anteriores debido ao acordo alcanzado cos sindicatos para que os interinos non teñan que participar nestas oposicións.
Segundo Román Rodríguez, a Xunta convocou 21.698 prazas en Educación desde 2009, o que contribuíu a que Galicia teña unha das taxas de estabilización "máis importantes de España" e tamén a unha renovación do seu persoal, con moitos profesores xa en posesión da súa praza nacidos no século XXI, destacou.
Galicia tamén conta, segundo a Xunta, cunha das taxas de interinidade máis baixas; "un 5 % estrutural", que contrasta con case o 30 % de media do sistema educativo en España, dixo o director xeneral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, que acompañou a Rodríguez durante a presentación do protocolo.
Por provincias, na Coruña hai inscritas 6.744 persoas para as oposicións, na de Pontevedra 5.589 persoas rexistradas; na de Lugo 2.137, e na de Ourense 1.484.