Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atopan en Alacant o cadáver dunha testemuña do caso do crime da viúva do expresidente da CAM

Atopan en Alacant o cadáver dunha testemuña do caso do crime da viúva do expresidente da CAM

O corpo do home, o empresario Jesús Tavira, que estaba desaparecido desde o 18 de marzo, foi localizado nunha vivenda dun empregado seu, que foi detido canda a muller do traballador e unha terceira persoa

Tavira fora interrogado pola Policía en varias ocasións cando se cometera o asasinato de María del Carmen Martínez, viúva de Vicente Sala, xa que mantivera máis de 200 comunicacións co principal sospeitoso nos días previos ao crime

Imaxe exterior da vivenda na que foi localizado o cadáver (EFE/Pep Morell) Imaxe exterior da vivenda na que foi localizado o cadáver (EFE/Pep Morell)
G24.gal 29/04/2026 09:55 Última actualización 29/04/2026 10:41

A Policía Nacional investiga se o cadáver dun home atopado este martes nunha vivenda preto da cidade de Alacant é do empresario desaparecido hai máis dun mes e que no seu día se vinculou co crime a tiros en 2016 de María del Carmen Martínez, viúva do expresidente da extinta Caja Mediterráneo (CAM), Vicente Sala.

Sospéitase que o corpo atopado sen vida é de Jesús Tavira, de 63 anos, de quen se descoñece o paradoiro desde o pasado 18 de marzo.

O cadáver foi localizado nun avanzado estado de descomposición sepultado nunha vivenda da pedanía de Bacarot, no termo da cidade de Alacant. A policía detivo un home, empregado do empresario, e a súa muller, propietarios da vivenda onde apareceu o corpo, e un terceiro individuo, pola súa suposta implicación no presunto crime.

As forzas de seguridade esperan os resultados do exame forense que se practicará este mércores no Instituto de Medicina Legal de Alacant para terminar de confirmar a identidade do falecido, seguramente a partir das impresións dixitais ou doutros elementos debido á deterioración dos restos mortais.

Tavira, empresario alacantino, propietario entre outros negocios dunha chatarreira de vehículos, desapareceu o 18 de marzo e tres días despois o seu coche foi atopado queimado no conflitivo barrio das Mil Vivendas.

O nome de Tavira saltou aos medios de comunicación por mor do crime a tiros en 2016 de María del Carmen Martínez, viúva do expresidente da CAM, Vicente Sala.

Dentro do caso Sala, moi mediático, documentouse que os días previos ao asasinato Tavira mantivera máis de 200 comunicacións co principal sospeitoso, Miguel López, xenro da vítima que foi declarado non culpable por un xurado popular.

Por ese motivo foi interrogado en varias ocasións pola Policía Nacional, sen que finalmente se chegase a acreditar a vinculación cos feitos.

Nas súas declaracións aos axentes, Tavira sostivo que as chamadas se debían a unha relación exclusivamente comercial con Miguel López, xa que era o propietario dunha chatarreira de vehículos moi próxima ao concesionario de coches Novocar, onde se perpetrou o crime aínda sen resolver de María del Carmen Martínez. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade