Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado do crime de Salceda declárase inocente: "Nunca tiven problemas con ninguén"

O acusado do crime de Salceda declárase inocente: "Nunca tiven problemas con ninguén"

Na súa declaración asegurou que non recorda estar ese día na localidade

Tanto a fiscalía como a  acusación particular piden para o procesado unha pena de 25 anos de cadea

O xuízo chega sete anos despois dos feitos porque o acusado fuxiu ao Reino Unido. Europa Press
G24.gal 24/03/2026 21:05

Continúa o xuízo polo asasinato dun mozo hai sete anos en Salceda de Caselas. Na sesión da tarde deste martes declarouo único acusado que dixo ser inocente. Di que non lembra estar ese día en Salceda de Caselas nin tampouco o nome do pub ás portas do cal sucederon os feitos. Así se defendía o albanés acusado de darlle tres coiteladas a un mozo de 24 anos en 2019 na vila pontevedresa.

Esta tarde foi a primeira vez que o procesado declarou ante a xustiza, debido a que ata a data acollérase ao seu dereito a non facelo. Na súa intervención, que foi traducida por un profesional a tempo real, subliñou que non achegou a súa versión antes debido a que os seus antigos avogados recomendábanlle que non falase (cambiou de avogado ata en tres ocasións).

O procesado explicou que chegou a España a finais de 2015 e estivo no país ata finais de 2019. Á súa chegada dedicábase ao tráfico de drogas (polo que foi detido no seu día), segundo recoñeceu, para logo pasar a traballar en 'B' na exportación de pedra a Albania, xa que non tiña papeis en regra en España.

Dixo que viviu en Vigo e en Cangas, índose de Galicia no verán de 2019 para ir a Almería e xa logo saír definitivamente do país a finais dese ano por Barcelona.

Preguntado polo día dos feitos, dixo que esa madrugada non lembra se saíra por Salceda, pero si recoñeceu que en ocasións ía de festa cun amigo albanés a esa localidade pontevedresa, xa que o seu coñecido residía alí. Malia isto, reivindicou que "nunca" tivo problemas con "ninguén" e que non saía con armas brancas.

O home foi preguntado polas distintas probas que apuntarían cara a el. En primeiro lugar, sobre unha fotografía sacada dentro do local que os investigadores consideran que podería ser el. Este subliñou que pola imaxe non podería recoñecerse, xa que só se observa media cara de perfil e borrosa.

Tamén lle falaron dos restos de sangue achados en varias das rúas de Salceda cuxo ADN apunta cara á súa persoa. Na súa declaración, o home explicou que el estaba a realizar unha reforma dun piso na zona e que era habitual cortarse a man. Así, dixo que quizá puido ter unha ferida e pingar sangue por algunha rúa.

Así mesmo, outra das preguntas apuntaba cara a un vídeo de cámaras de seguridade que situarían a un home similar a el correndo pola zona tras os feitos, indicando que non era el porque nunca fuxiu de noite por ningún motivo.

Outras testemuñas

Previamente, durante a vista desta tarde tamén se levaron a cabo outras declaracións. Un dos axentes encargado do recoñecemento fotográfico do acusado indicou que polo menos tres persoas identificaron ao procesado, aínda que dous "con dúbidas". É máis, aclarou que dous das testemuñas declararon que o acusado era "o que máis se parecía" das fotos que lle estaban mostrando, mentres que unha testemuña si o identificou como o autor.

Pola súa banda, tamén declararon os axentes que realizaron a identificación do acusado mediante imaxes captadas dentro do local, indicando que "todos os ángulos do rostro" da suposta imaxe do home coinciden coas do acusado. Por iso, realizaron un informe "positivo", onde indican que "moderadamente" o da foto é o procesado, malia ser unha imaxe "desenfocada e parcial".

Tamén os peritos encargados de analizar o perfil xenético do acusado subliñaron que "practicamente a totalidade" dos marcadores de ADN das mostras extraídas do home coinciden co sangue atopado no lugar dos feitos. Así mesmo, un teléfono móbil que tiña ao seu nome deu sinal ata en tres ocasións na antena de Salceda que cubría o lugar dos feitos, pero o acusado asegurou esta tarde que ese número non era del.

Tanto a Fiscalía como a  acusación piden para el unha pena de 25 anos de cadea por asasinato con aleivosía e unha indemnización e 300.000 euros para os familiares da vítima. O xuízo chega sete anos despois dos feitos, xa que o acusado fuxira ao Reino Unido. Está previso que este  mércores comece a deliberar o xurado popular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade