Testemuñas e probas sitúan o acusado na escena do crime de Salceda
O suposto autor da morte dun mozo de 25 anos será o último en declarar
A segunda xornada do xuízo céntrase nas declaracións de investigadores e peritos xudiciais
A defensa do principal acusado polo crime de Salceda insistiu nesta segunda xornada do xuízo en sementar dúbidas no xurado popular sobre a solidez das probas en que se basea a acusación.
Parte das testemuñas recoñeceron o home de orixe albanesa sentado no banco dos acusados como o responsable da morte de Soufin Mraha. Segundo a acusación particular o sucedido a fatídica noite do nove de xuño do 2019 non foi unha simple pelexa. O acusado bateu coa vítima e esta derramoulle a copa por riba. Soufian mesmo lle ofreceu pagarlle unha, pero o home empurrouno e levouno fóra, onde supostamente lle deu tres coiteladas en órganos vitais.
Segundo Borja Lustres, avogado da familia da vítima, "para nos non é unha simple pelexa, un simple encontrón, é unha cacería, unha busca dunha vítima, que levaba unha arma branca, que saíu buscar, que atopou a vítima, acurralouna e atravesoulle o corazón".
A segunda xornada céntrase nas declaracións dos axentes da Garda Civil e peritos xudiciais que participaron na investigación do crime. Todos eles achegarán probas importantes para a fiscalía, como imaxes de teléfonos ou cámaras de seguridade, ou o ADN do sangue do suposto culpable atopado na escena do crime.
A acusación particular cre que "hai probas que se van ver hoxe, que é o ADN, telefonía móbil que o sitúa no lugar dos feitos unha hora despois con conexións de datos, hai probas que o localizan e o identifican como autor dos feitos".
Tamén testifican os axentes que participaron no complexo proceso que levou á detención de Florian Rama no Reino Unido en 2024, 5 anos despois da morte de Soufian e logo de buscalo por máis de cinco países.
O acusado será o último en declarar, e en principio mañá está previsto que comecen as deliberacións do xurado popular que decidirá se o condenan a 25 anos de cadea.