Xulgan un home por intentar asasinar a súa nai en Carnota: "Asusteime"
O acusado enfróntase a unha petición de doce anos de cadea
A defensa pide catro meses de prisión por un delito de lesións e di que non houbo intención de matar
"- Golpeouna con ese instrumento (unha pa)? - Golpeeina tres veces. - Por que a golpeou? - Non o sei. - Por que con ese obxecto e non coas mans? - Foi polo susto e era o que tiña na man. É que non sei".
Deste xeito recoñecía o acusado a agresión a súa nai en abril de 2023. Unha agresión que, segundo declarou a vítima, a colleu por sorpresa.
"Entrei, estaba todo ás escuras e eu non sabía nin sequera que estaba recibindo golpes. Dábanme como cambras". "Un tras outro, un tras outro. Ata que conseguín achegarme un pouco á porta, alí víase un pouco e xa lle vin a cara".
Contou tamén que este episodio non se prolongou durante moito tempo. Seu tío, ao ver a porta da casa de Carnota medio aberta, achegouse.
"O fillo empurrou a nai contra a parede. Separeino. E mandeille que sentase no sofá".
Na vista declararon tamén dous peritos. Aclararon que as persoas con trastorno disocial, como é o caso do procesado, saben diferenciar o ben do mal. E explicaron que as lesións que presentaba a vítima, por si mesmas, non lle causarían a morte.
Agora, o investigado enfróntase a unha pena de 12 anos de cadea por un delito de intento de asasinato con agravante de parentesco.
Pola súa banda, a defensa solicita catro meses de prisión. Recoñece un delito de lesións, pero non o de intento de asasinato, alegando que non houbo intención de matar.