Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta ofertará cursos a 10.000 mozos de entre 18 e 24 anos sen formación nin emprego

A Xunta ofertará cursos a 10.000 mozos de entre 18 e 24 anos sen formación nin emprego

Cualifica Talento incluirá programas de FP básica, de grao medio e tamén formación lingüística para estranxeiros

G24.gal 24/03/2026 16:08

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional anunciou este martes a próxima posta en marcha do programa Cualifica Talento, unha iniciativa que alcanzará ata dez mil novos entre 18 e 24 anos, fundamentalmente homes, que carecen de educación secundaria e que non están a traballar.

Segundo explicou o conselleiro nunha comparecencia no Parlamento, a formación adaptarase ás "preferencias" destes mozos para tentar que se reincorporen ao mundo formativo e incluirá programas de FP básica, de grao medio e tamén formación lingüística para estranxeiros.

O programa estará dirixido "fundamentalmente" a homes nesas idades, xa que a taxa de abandono escolar nesa franxa de idade duplica a das mulleres; un 13,5 % deles por un 7,2 % delas.

"Debemos desenvolver sobre o colectivo masculino accións específicas para reducir o abandono", abundou Rodríguez, que nunha intervención posterior engadiu: "só con inserir unha -desas 10.000 persoas- xa estaría absolutamente xustificado, porque sen a posibilidade desa formación están illadas do mundo laboral".

Na súa intervención, o conselleiro destacou as novidades do decreto que regulará a FP para o próximo curso. Deste xeito asegurou que a proposta é ofrecer unha formación máis especializada, que responda ás necesidades dos alumnos e do mercado laboral; un reforzo da conexión co tecido produtivo; máis innovación e investigación aplicada; máis oportunidades de orientación integral e loita contra o abandono escolar e atención á diversidade e máis internacionalización.

Rodríguez destacou o bo momento que vive a FP en Galicia, con máis de 71.000 alumnos matriculados, que son o dobre que no curso 2008-2009, destacou, e cunha taxa de inserción do 86% na FP básica e "practicamente o 100 %" en FP dual.

O conselleiro desdeñou as críticas tanto dos voceiros de PSdeG como de BNG sobre a FP, nun debate con estes grupos que posteriormente derivou en ataques entrecruzados polo nomeamento de Santiago Freire, exalcalde de Noia, como xefe territorial de Educación na Coruña.

Antes, Rodríguez tachara de "formacións prexudiciais" para a FP tanto a socialistas como a nacionalistas; uns por "parasitar, e mal", as iniciativas da Xunta por parte do Goberno do PSOE e outros, "o armazón BNG", porque "lle sobran as empresas, os sectores produtivos e a colaboración público privada".

A deputada do BNG Cristina Fernández Davila cargou contra a privatización da FP cos gobernos do PP e Aitor Bouza (PSdeG) insistiu en que a Xunta non executa os fondos previstos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade