Sanidade endurece as normas contra o intrusismo tras casos graves en cirurxías estéticas
A partir do 1 de xullo, os centros sanitarios terán un prazo de seis meses para garantir que o seu persoal conta coa formación adecuada conforme a súa especialidade
A norma estende estas garantías ao conxunto da atención sanitaria, co obxectivo de minimizar erros e previr eventos adversos en calquera unidade asistencial
Arquivo TVG
O Goberno actualizou este martes, a iniciativa do Ministerio de Sanidade, a normativa para establecer que profesionais poden realizar actividades médicas como as cirurxías estéticas e outras especialidades, tras casos graves vinculados a unha falta de competencias, unha normativa que entrará en vigor o 1 de xullo.
Para iso, o Consello de Ministros aprobou unha modificación do real decreto polo que se establecen as bases xerais sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.
A ministra de Sanidade, Mónica García, destacou que a actualización da normativa é "sentido común convertido en lei, aprender do ocorrido, protexer o paciente e que cada profesional faga o que estea preparado para facer".
En declaracións remitidas aos medios, García lembrou o caso de Sara Gómez, a muller que morreu en 2022 tras someterse a unha liposucción en Murcia por unha persoa "sen as competencias adecuadas". "Iso non vai volver pasar", sostivo a ministra.
A partir do 1 de xullo, os centros sanitarios terán un prazo de seis meses para garantir que o seu persoal conta coa formación adecuada conforme a súa especialidade, segundo un comunicado do ministerio de Mónica García.
Esta reforma ten como obxectivo fundamental garantir que os centros conten con profesionais sanitarios que posúan a titulación oficial, así como as competencias e habilidades adecuadas á asistencia que prestan.
Os centros deberán dispoñer da información e expedientes actualizados de todo o seu persoal en cumprimento das novas garantías de formación.
Esta modificación reforza o marco normativo que delimita que profesionais poden realizar intervencións de cirurxía estética, tras a identificación de riscos asociados a prácticas realizadas por persoal sen a cualificación adecuada.
A normativa responde á necesidade de garantir que este tipo de procedementos se leven a cabo exclusivamente por especialistas coa formación oficial requirida.
Unha norma para o conxunto da atención sanitaria
Aínda que o ámbito da cirurxía estética puxo de manifesto a importancia desta regulación, a norma estende estas garantías ao conxunto da atención sanitaria, co obxectivo de minimizar erros e previr eventos adversos en calquera unidade asistencial.
A través da incorporación dun novo artigo, o real decreto establece a obriga legal aos centros e servizos sanitarios de asegurar que a atención sexa prestada exclusivamente por persoal coa titulación e competencias adecuadas.
A norma aproveita esta reforma para poñer ao día o catálogo de unidades sanitarias, incorporando oficialmente as unidades de Radiofísica Hospitalaria e Radiofarmacia. Así mesmo, actualízanse as definicións de unidades que quedaran obsoletas, como Nutrición e Dietética, Planificación Familiar e Tratamento da Dor, para adaptalas aos avances científicos actuais.