Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP esixe a dimisión da ministra de Sanidade, que recoñece a "emerxencia" humanitaria en Ceuta

O PP esixe a dimisión da ministra de Sanidade, que recoñece a "emerxencia" humanitaria en Ceuta

Nas rúas da cidade autónoma hai asentamentos de centos de inmigrantes ilegais

Os médicos denuncian que a Sanidade ceutí, xestionada polo Goberno central, vive unha situación de "catástrofe asistencial"

G24.gal 16/08/2026 14:58

Hai xa dúas semanas que se produciu a entrada masiva de máis de 70.000 inmigrantes en Ceuta, ao cruzar de maneira ilegal a fronteira dende Marrocos ante a pasividade das autoridades do réxime de Mohamed VI. Pero a normalidade está lonxe de chegar á cidade autónoma, onde aínda hai asentamentos de milleiros de inmigrantes na rúa.

Os médicos denuncian que a Sanidade ceutí, xestionada directamente polo Goberno central, vive unha situación de "catástrofe asistencial", tras ter que asumir a atención sanitaria de centos destas persoas.

A ministra do ramo visitou hoxe a cidade autónoma. Mónica García asegura que non hai colapso sanitario, pero recoñece que hai unha crise humanitaria e de salubridade, polo que pide ao Goberno ceutí que habilite espazos axeitados para os inmigrantes.

"A actuación sanitaria máis urxente está fóra do hospital e dos centros de saúde. Está en dar condicións de salubridade aos migrantes. É unha prioridade de saúde pública, que teñan auga, unha boa hixiene, un bo aseo", explicou a ministra.

O PP esixe a dimisión da ministra. Elías Bendodo denuncia que os veciños da cidade autónoma senten inseguridade e falan mesmo dunha repunta das agresións sexuais.

"Que ninguén os está protexendo, que teñen medo os veciños de Ceuta a saír á rúa, que se organizan os propios veciños para saír en grupo, que coñecen casos xa de agresións sexuais en territorio español e que ven como a sanidade está colapsada", denuncia Bendodo.

O dirixente popular carga directamente contra Pedro Sánchez por non interromper as súas vacacións para facer fronte á crise migratoria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade