Netanyahu anuncia unha operación militar a grande escala na Cisxordania ocupada
Contempla a evacuación forzosa de residentes de barrios palestinos, rexistros casa por casa e a demolición de infraestruturas
O conflito escala tras o ataque perpetrado en Hebrón que causou feridas a cinco persoas, dúas están en estado crítico
REUTERS/Ammar Awad
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, anunciou este venres o comezo dunha operación militar a grande escala na Cisxordania ocupada. Contempla a evacuación forzosa de residentes de barrios palestinos, rexistros casa por casa e a demolición de infraestruturas, tras o ataque a tiros preto de Hebrón que deixou cinco israelís feridos.
"As Forzas de Defensa de Israel (FDI) entrarán nos barrios de onde xurdiron os terroristas, evacuarán aos residentes, rexistrarán casa por casa e desmantelarán a infraestrutura terrorista", afirmou Netanyahu nunha videomensaxe, en que asegurou que o Exército está preparado para unha operación "a unha escala non vista desde a Guerra dos Seis Días", en 1967.
Horas antes, o primeiro ministro israelí ordenara o peche "total" e indefinido de Cisxordania.
O ataque de Hebrón, desencadeante da escalada
O tiroteo produciuse esta mañá no cruzamento de Xudea, preto de Hebrón. Os atacantes chegaron armados cun fusil M16 e unha pistola, cos que abriron fogo contra varios israelís no lugar. Os soldados israelís abateron a dous deles, e o Exército, segundo os seus portavoces, continúa a procura de posibles implicados.
Os servizos de emerxencias israelís atenderon a cinco feridos: dous en estado crítico, un con feridas moderadas e outros dous leves, trasladados a hospitais de Xerusalén.
Netanyahu eloxiou os soldados israelís que interviñeron para frear o ataque e anunciou o reforzo das operacións de seguridade e novas detencións en toda Cisxordania ocupada.
"Perseguiremos os terroristas de Hamas e a quen os envía: en calquera lugar e en calquera momento. Non teñen onde agocharse", agregou.
Nunha mensaxe posterior, o Exército israelí informou de que os seus soldados e axentes da Policía de Fronteiras iniciaran operacións ofensivas na cidade de Hebrón, que quedou acordoada, e noutras zonas de Cisxordania.
"Actualmente, as forzas operan nas vivendas dos terroristas e doutros sospeitosos", sostén este comunicado castrense.
Pouco despois de coñecerse a noticia do ataque, sucedido na recta final da campaña para as eleccións nacionais programadas o vindeiro martes, o partido Likud, liderado polo primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, afirmou que o mandatario ordenou cancelar todos os actos políticos desta formación previstos para esta mañá.