Publicador de contidos

Publicador de contidos

Netanyahu dá orde de investigar e procesar os participantes do documental "Naza"

Netanyahu dá orde de investigar e procesar os participantes do documental "Naza"

O filme recolle os testemuños de 24 militares da intelixencia israelís que relatan a matanza masiva de civís en Gaza

Netanyahu acusa os participantes de "delitos graves contra a seguridade da información, difamación penal e prexuízo para os intereses diplomáticos" do país.

G24.gal 11/10/2026 20:03 Última actualización 11/10/2026 21:14

O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, ordenou este domingo a investigación e procesamento dos participantes do documental Naza, que relata a matanza masiva de civís en Gaza mediante os testemuños de 24 militares e oficiais de intelixencia israelís, por "delitos graves contra a seguridade de Israel", segundo un comunicado publicado pola súa oficina.

"A película constrúe unha narrativa falsa, enganosa e nesgada que difama o Estado de Israel e as FDI (Forzas de Defensa de Israel) a nivel mundial, e que prexudica gravemente a imaxe de Israel", afirmou o mandatario, segundo a nota.

No documental, diferentes fontes de intelixencia describen como Israel pasou de autorizar, despois do 7 de outubro de 2023, a morte de centos de civís como "dano colateral" en ataques contra altos cargos de Hamás. Boa parte da película está baseada en investigacións realizadas polo xornalista israelí Yuval Abraham (codirector do filme) na publicación +972 Magazine e mais no xornal británico The Guardian, que produce Naza.

Naza toma o seu nome do acrónimo utilizado polo servizo de intelixencia de Israel para estimar o número de civís que podería morrer nun ataque, por exemplo "20 naza".

Os directores Yuval Abraham e Rachel Szor reciben o Premio Especial do Xurado no Festival de Venecia. REUTERS/Yara Nardi Os directores Yuval Abraham e Rachel Szor reciben o Premio Especial do Xurado no Festival de Venecia. REUTERS/Yara Nardi

Os militares que participan en Naza, coa condición de anonimato polas represalias que poderían sufrir, aseguran que o Exército bombardeou zonas baixo ordes de evacuación de Gaza sabendo que aínda quedaba alí poboación civil. Ademais, o filme describe a práctica israelí de bombardear vivendas palestinas, con familias enteiras dentro, unha vez que o pai, presunto miliciano de Hamás regresa durmir á casa. 

O diario británico The Guardian defendeu a investigación e asegurou consultar durante tres anos máis de cen fontes coñecedoras dos sistemas militares israelís empregados na guerra, incluídos altos mandos implicados na autorización de ataques. Tamén afirmou que contrastou os testemuños con documentos clasificados filtrados e mediante a verificación de operacións concretas.

Netanyahu acusou os participantes do filme de incorrer en "delitos graves contra a seguridade da información, difamación penal e prexuízo para os intereses diplomáticos" do país. Segundo a mensaxe publicada pola súa oficina, o primeiro ministro dirixiu a súa petición ao xefe do Estado Maior do Exército israelí, ao tenente xeral Eyal Zamir; ao director do Shin Bet (servizo de intelixencia interior), David Zini, e á fiscal xeral do Estado, Gali Baharav-Miara.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade