Falecen 139 migrantes e 84 están desaparecidos ao afundirse a súa embarcación en Djubuti
A embarcación que naufragou no Corno de África transportaba 305 persoas
Só 82 persoas sobreviviron ao naufraxio, considerado como un dos máis graves da chamada "ruta oriental"
A embarcación transportaba 305 persoas desde Djubuti cara ao Iemen cando envorcou preto da localidade costeira de Guhere. Ocorreu durante a noite do 8 ao 9 de outubro e só se conseguiron salvar 82 persoas de nacionalidade etíope. A Organización Internacional para as Migracións está asistindo a 64 superviventes no seu Centro de Resposta para Migrantes, dándolles atención sanitaria, apoio psicosocial e axuda para restablecer o contacto coas súas familias.
Segundo esta organización, a traxedia constitúe un dos naufraxios "máis mortíferos" rexistrados na chamada ruta oriental.
"Ninguén sobe a una embarcación así a menos que crea que non existe outra vía segura. Non podemos seguir considerando estas mortes como algo normal. As vías seguras e legais salvan vidas. Insto os gobernos a actuar antes de que se produza o próximo naufraxio", advertiu a directora xeral da OIM, Amy Pope.
Entre os 109 corpos recuperados inicialmente hai 52 homes, 42 mulleres e 15 menores (nove nenas e seis nenos), apuntou a axencia da ONU nun comunicado. As autoridades de Djubuti continúan coas operacións de busca mentres aumenta a preocupación polo destino dos desaparecidos.
"É unha perda de vidas devastadora. Os nosos pensamentos están cos superviventes e coas familias que perderon seres queridos ou que seguen sen noticias dos seus parentes", afirmou o xefe de misión da OIM en Djubuti, Alexandre Coissac.
Unha das rutas máis perigosas do mundo, con 900 migrantes falecidos no último ano
Segundo a OIM, cada ano, ducias de miles de migrantes procedentes do Corno de África atravesan Djubuti e cruzan o estratéxico estreito de Bab al-Mandeb coa esperanza de chegar aos países do Golfo en busca de seguridade, estabilidade e emprego.
A pobreza, a inseguridade e os crecentes efectos do cambio climático son os principais factores que impulsan estas persoas a emprender esta migración, a pesar da crecente inestabilidade que se vive en Oriente Medio.
Desde o 10 de setembro a OIM rexistrou máis de 20.000 movementos de chegada a Djubuti procedentes de Etiopía.