Deteñen trece persoas en Ferrol e na Coruña por facilitar documentación falsa a migrantes
Os implicados "simulaban vínculos familiares entre os migrantes e terceiras persoas" e mediante pasaportes manipulados e empadroamentos irregulares lograr a nacionalidade española
A Policía Nacional detivo de doce persoas en Ferrol e unha na Coruña no marco dunha "rede criminal" que facilitaba a nacionalidade española a migrantes senegaleses "achegando pasaportes manipulados, empadroamentos irregulares e outros documentos falsificados".
O corpo de seguridade afirmou que os implicados "simulaban vínculos familiares entre os migrantes e terceiras persoas" e indicou nun comunicado que entre os detidos figuran os "principais xefes da rede".
Ademais, resaltou que o operativo tamén permitiu incautarse de 24.000 euros en efectivo e 39 pasaportes falsos tras a realización de tres rexistros en domicilios relacionados cos sospeitosos.
Segundo a Policía Nacional, a investigación comezou tras "detectarse indicios que apuntaban a que cidadáns de nacionalidade senegalesa asentados en distintas localidades da provincia da Coruña poderían estar a utilizar documentación falsificada para obter fraudulentamente a nacionalidade española".
"Os feitos investigados non constituían actuacións illadas, senón que respondían a unha actividade organizada e continuada no tempo, orientada a facilitar de forma fraudulenta trámites administrativos vinculados á obtención de dereitos e beneficios en materia de estranxeiría e nacionalidade", indicou o departamento público.
Deste xeito, observou que se puido "identificar unha estrutura delituosa xerarquizada, integrada por responsables e colaboradores con funcións diferenciadas, encargados de captar solicitantes, proporcionar documentación fraudulenta, xestionar empadroamentos irregulares e coordinar os trámites necesarios para dar aparencia de legalidade".
Ao respecto, a Policía Nacional puntualizou que se confirmou un "procedemento administrativo polo cal cidadáns de nacionalidade senegalesa accedían á española por certificados de empadroamento obtidos de forma irregular e documentos destinados a acreditar relacións de filiación inexistentes".
"A operativa consistía na simulación de vínculos entre os solicitantes e terceiras persoas, que asumían ficticiamente a condición de proxenitores ou familiares directos", engadiu o corpo de seguridade, que subliñou que os implicados "comparecían achegando documentación preparada co fin de aparentar unha relación familiar".
Finalmente, destacou que a organización estaba integrada por "varios cidadáns nacionalizados de orixe senegalesa e unha avogada", encargada de "coordinar a obtención da documentación necesaria, a preparación dos comparecentes e a realización dos trámites, proporcionando un servizo integral orientado a eludir os controis".