Os drons multiplícanse nas emerxencias e marcan o reto de como coordinalos
Cada vez máis servizos de policía ou bombeiros utilizan vehículos non tripulados nas súas actuacións
Cando a catástrofe se agrava cómpre establecer un mando único que poida xestionar todos os medios
Efectivos de toda Galicia participan na proba dun sistema desenvolvido por unha empresa de Nigrán
A palabra xa está asimilada e os aparellos tamén. Os drons convertéronse nun elemento fundamental na xestión das emerxencias pero agora hai tantos que se fai necesario coordinalos. A realidade é que cada vez máis servizos utilizan este tipo de vehículos nas súas actuacións. E cada vez con máis usos.
"Unha vez a Garda Civil pediume que usase o dron para apartar a xente que estaba próxima a un accidente no que estabamos intervindo. Pero a Garda Civil non sabía que eu, no dron, teño un altofalante. Así que o mandei ata alí e emitín unha notificación de que se tiña que retirar esa xente porque se estaba producindo unha manobra perigosa", conta o xefe do parque dos bombeiros do Morrazo, Patxi Mariño.
Bombeiros do Morrazo, de Pontevedra, de Ourense e de Ponteareas; axentes da Policía Local de varias localidades galegas; efectivos de Protección Civil; técnicos da Unidade Militar de Emerxencia; e tamén responsables da Axega participaron nunha demostración en Nigrán dunha plataforma para coordinar todos os drons que poden coincidir nunha catástrofe.
A idea é que cando a situación se agrave, como pode acontecer nun incendio forestal importante, todos os aparellos pasen a estar xestionados por un mando único, neste caso, a Xunta, que así poida ter unha imaxe e un coñecemento globais da situación.
"Se isto escala, e se require ter máis medios, na chegada da Axencia Galega de Emerxencias, eles poden, a través dun clic, ter a información deses drons, poder coordinar misións para eles, de xeito inmediato", explica o director de Vig-Sec Drone, Rubén Gil.
"Para diferentes misións, dende busca de persoas, incendios forestais, incendios industriais, inundacións... Ter esa imaxe tamén nos dá seguridade ante as accións que imos tomar", completa o xerente da Axega, Marcos Araújo.
Porque hai que ter en conta que, ademais de polo aire, tamén poden participar drons de terra e de auga. A Unidade Militar de Emerxencias acaba de incorporar este tipo de aparellos e para iso creou unha unidade específica de drons.
"Drons aéreos a UME xa tiña dende hai bastante tempo pero agora en concreto incorpora drons terrestres e drons subacuáticos", confirma o brigada Javier Cascón, da unidade de drons da UME.
Eses drons terrestres xa se utilizaron nos últimos incendios forestais en Galicia. Sobre todo, serven para abrir cortalumes e para transportar material.