Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil investiga a morte dun home de 79 anos que faleceu nun accidente marítimo, en Redondela

A Garda Civil investiga a morte dun home de 79 anos que faleceu nun accidente marítimo, en Redondela

Unha testemuña relatou que a embarcación navegaba en círculo e que un home estaba pedindo axuda desde a auga

A embarcación accidentada, á beira da rampla do porto.
G24.gal 11/05/2026 20:17 Última actualización 12/05/2026 14:47

Os servizos de emerxencia recuperaron o cadáver dun tripulante dunha embarcación que chocou contra unha batea en Redondela este luns.

Foi un particular quen contactou co 112 Galicia minutos antes das 18:00 horas para pedir axuda tras ver como unha embarcación deportiva estaba batendo contra as bateas no peirao de Chapela, en Redondela.

Segundo fontes da Garda Civil, unha testemuña relatou que a embarcación navegaba en círculo e que un home estaba pedindo axuda desde a auga, entre as plataformas en que se crían bivalvos, ata que deixou de escoitalo.

Tras ser localizado o corpo sen vida do tripulante polo helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia, o equipo acuático da Garda Civil recuperouno ás 18:47 e trasladouno ao peirao de Chapela, en Redondela.

Ademais dos Gardacostas e da Garda Civil, deuse aviso a Salvamento Marítimo, á Policía Nacional e Local, aos profesionais do grupo acuático dos Bombeiros do Baixo Miño e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade pontevedresa.

Tamén foron informados o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Autoridade Portuaria de Vigo, que xa tiñan constancia do suceso.

A autopsia apunta a un afogamento do home de 79 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade