Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fai 50 anos do desastre medioambiental do Urquiola

Fai 50 anos do desastre medioambiental do Urquiola

O buque levaba máis de 100.000 toneladas de cru a bordo cando bateu con rochas que non saían nas cartas de navegación

O único falecido no suceso foi o capitán, Francisco Rodríguez Castelo, coruñés que nacera en Bilbao

G24.gal 12/05/2026 14:03

12 de maio de 1976. O buque petroleiro Urquiola, construído en Sestao e botado ao mar tres anos antes, navega en dirección ao porto da Coruña cargado con máis de 100.000 toneladas de cru. Ás 8 e vinte minutos da mañá, na manobra de entradao ao peirao, o buque, de 276 metros de eslora, bate cunhas rochas afiadas que non figuran nas cartas náuticas.

Malia que o capitán Francisco Rodríguez Castelo, coruñés nado en Bilbao, pide permiso para atracar e acometer as reparacións precisas, Comandancia de Marina ordénalle que regrese a mar aberto.

Na viraxe, o Urquiola volve sufrir danos que desta volta son xa irreversibles. Toda a tripulación é evacuada agás o capitán Castelo, que intenta salvar o seu barco a toda costa.

Ás dúas menos sete minutos da tarde, rexístrase unha tremenda explosión a bordo.

O petróleo que non chega a arder provoca unha marea negra sen precedentes nas rías de Betanzos, Ares e Ferrol. A fauna marina tardaría moitos meses en recuperarse.

Dous días despois do desastre, o cadáver de Castelo aparece abrasado e cuberto de cru. A batalla legal da súa familia prolongaríase durante sete anos, ata a súa total exculpación por parte do Tribunal Supremo, que acabaría recoñecendo o anormal funcionamento da cartografía na traxedia do Urquiola.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade