Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Andan moito e, se levantas a lancha preto das bateas, non ves o mar"

"Andan moito e, se levantas a lancha preto das bateas, non ves o mar"

A Fiscalía investiga o accidente de Cambados no que un barco de recreo levou por diante unha dorna

O mariñeiro da dorna, un xubilado de 71 anos do Grove, está grave no Montecelo

G24.gal 14/05/2026 14:36

Foi como David contra Goliat, pero venceu o xigante. Unha lancha de case dez metros e medio de eslora, de 900 cabalos, coma esta que están a ver, capaz de acadar os 60 nós de velocidade.

En fronte, unha dorna de madeira a remos, que nin lle chega á metade en tamaño e moito menos en potencia.

"Andan moito e se vas moi preto dunha batea e levantas a lancha, que ten moito cabalaxe, non podes ver a persoa. Polo medio do mar, si. Vela ao lonxe", explica un mariñeiro co profesión.

Nin a viron, porque efectivamente foi nunha zona de bateas. Enganchárona pola popa, seica por culpa do sol. Un accidente, un descoido, con consecuencias graves. Por iso, Capitanía Marítima xa remitiu o informe á Fiscalía. 

"Tivo que ser unha cousa de saír ao mellor dunha batea e vir a lancha, e non lle dar tempo a nada"; engade. 

O ferido, un mariñeiro de 71 anos xubilado do Grove, está no Montecelo. Está grave. Non recorda o que pasou.

"Teñen a licenza de pesca para ir pescar, cun tope o mellor dun par de quilos", aclara o mariñeiro. 

Foron os tripulantes do outro barco, do potente, os que o sacaron do mar para achegalo a Tragove, a Cambados. 
A bordo do outro barco, do potente, o patrón, tamén do Grove, e o armador do barco, un home de Madrid, que atraca na Toxa. Un tándem habitual. 

"Teñen os pisos pero ao mellor non teñen a licenza para sacar o barco ao mar. Entón, teñen a unha persoa xa contratada dun ano para outro e esa persoa lévaos dun lado para outro", sinala un home con residencia na Toxa.

Pasa, sobre todo, no verán, en temporada alta de turismo e de pouco traballo no mar.

"As lanchas que teñen os ricos na Toxa contratan patróns para levalas. Ás veces, non teñen título de patrón e contratan a xente de aquí do Grove para levar a lancha e tamén porque saben as mellores zonas de pescar", coincide o mariñeiro.

Neste caso, segundo confirman no club náutico, ambos teñen o título e unha ampla experiencia. O club lamenta o accidente, con consecuencias que puideron ser fatais.



 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade