Recuperan o María Estefanía no porto de Ribeira, cunha vía de auga a babor
Fixeron falta cinco buzos e un barco para subilo á superficie "bastante nivelado" e evitar que envorcara
Portos descarta o desguace do barco no varadeiro de Ribeira, como pretendía o armador
No momento en que volvía á superficie o María Estefanía, despois de máis de 24 horas afundido no porto de Ribeira, confirmábanse as sospeitas.
"O barco está roto por un costado, por babor", sinala Enrique Román, un dos buzos que inspeccionou a palangreiro.
O porque está por ver. Levaba anos alí parado.
"Supostamente fixo un furado ou moveuse algún borne, encheuse de auga e afundiu. Era un barco de pesca que se vendeu unicamente para despezar, para aproveitar os GT e o motor para facer outra embarcación", explica Xosé Antonio Pérez, patrón Maior da Confraría de Ribeira.
Foi preciso un dispositivo amplo.
"Cinco mergulladores, que é o que pide a lei, con comunicacións, cascos e subministración de superficie e despois está a tripulación do barco que somos catro persoas", detalla Manuel Cernadas, xerente de Dragados Osmar, a empresa encargado da recuperación.
E, polo mal estado do barco, tamén un traballo minucioso.
"Hai que levantar a embarcación bastante nivelada para tentar que non dea volta de quilla. Imos instalar uns globos de elevación e coa axuda do barco, refrotalo ata altura de cuberta para meter unhas motobombas e achicalo", engade Cernadas.
Despois de achicar a auga, toca decidir que facer con el.
"A manobra que pretende o armador non vai poder ser porque o barco que o recuperou ten un calado bastante grande como para poder chegar ao varadoiro, de maneira que é imposible que o achegue, e no caso de que outra embarcación o puidera achegar, alí non temos medios suficientes para poñelo en seco. Haberá que buscar un centro autorizado que o poida despezar", confirma Marcos Sampedro, xefe celador do Porto de Ribeira.
Será a última travesía que faga o María Estefanía.