Cruzan a nado a desembocadura do Miño e a policía portuguesa múltaos por conduta imprudente
Anunciaran o reto en redes sociais e realizárono este venres, en 25 minutos percorrero os 400 metros de río entre A Guarda e Caminha
Está prohibido cruzar a fronteira a nado sen autorización ao tratarse dunha zona perigosa sometida a fortes correntes
As sancións económicas poden acadar os 750 euros
Os mozos publicaron mensaxes admitindo a imprudencia e instando a non repetir a súa travesía
Con moito ánimo anunciaron nas redes sociais o reto de cruzar a nado a fronteira fluvial entre Galicia e Portugal. Unha travesía de apenas cincocentos metros entre unha praia da Guarda e o municipio de Caminha. Ademais dunha boia e unha cámara go pro, levaban enriba a súa documentación persoal, como se anticiparan o que lles ía pasar.
Fixeron a travesía en apenas 25 minutos e, efectivamante, cando tocaron terra na outra beira do Miño, os axentes da policía marítima xa os agardaban para tramitarlles a correspondente denuncia, que conleva sanción económica.
"Pode oscilar a multa entre os 55 e os 750 euros, unha infracción por cruzar a nado a fronteira, contravindo as normas de seguridade marítima e ademais sen contar con autorización", sinala Diogo Gil, socorrista na praia do Camarido, no municipio de Caminha.
Está totalmente prohibido cruzar a nado a desembocadura do Miño polo perigo que presenta unha zona sometida a fortes correntes, onde os naufraxios son frecuentes.
"É perigoso pola forte corrente que hai na desembocadura. Cando a marea sobe, empúrrate cara o norte; cando a marea baixa, empúrrate cara o sur. Ademais a temperatura da auga é moi fría, por iso non é recomendable atravesar o río nesta zona. Non é habitual ver isto. Foi una toleira dos mozos", engade o socorrista de Caminha.
Unha aventura que os propios protagonistas, malia ser expertos nadadores, recoñecen como imprudente e que prometen non volver facer.
"É moi perigoso e pode pasar calquera cousa. Así que, con isto non queremos animar a ninguén que o faga, máis ben ao contrario, queremos deixar claro que non se pode facer. Nós non o sabiamos e agaor sabémolo. Por iso non queremos animar a ninguén a que repita este comportamento", admite un dos mozos nun vídeo en Tik Tok publicado despois de recibir a sanción e dada a repercusión que tivo a noticia.