Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xogar a pel por un 'like': as imaxes en situacións perigosas triunfan nas redes

Xogar a pel por un 'like': as imaxes en situacións perigosas triunfan nas redes

Os contidos extremos captan máis atención e por iso hai quen se arrisca buscando valoración social

Cada ano hai mortes de persoas que se aventuraron demasiado ou por accidentes por imprudencia

G24.gal 24/09/2026 15:02

Son secuencias que saltan dunha pantalla a outra nas redes sociais. Poden ser mozos que se lanzan á auga dende vinte metros nunha canteira de Catoira ou rapaces que se tiran ao Miño dende a ponte romana de Ourense. Eles fano e outros gravan. Ou tamén pode ser que se saquen fotos ou vídeos a si mesmos.

O funcionamento das redes sociais favorece este tipo de temas porque, entre millóns de contidos, chama a atención o máis extremo. Por iso son materiais que triunfan no ciberespazo.

"Supoño que a través das redes sociais, tras ver a un, a outro, todos queren facelo", comenta unha moza mentres amosa o vídeo dunha caída, afortunadamente non moi grave, que lle chegou ao seu teléfono móbil.

"Mira para aí... Corenta metros!", sinala outro mozo que ensina o vídeo dun salto no seu dispositivo.

O premio son likes ou, como explica a Psicoloxía, sentirse valorado polo que pensen, digan ou opinen os demais. Pero outras veces detrás destas escenas hai simplemente pura imprudencia. Son frecuentes os casos de viaxeiros ou turistas que arriscan a vida ao buscaren unha foto especial. 

"Nas illas Cíes, onde está o faro, unhas mozas metéronse mesmo no bordo, onde eu nin me arrimaba", relata un home que presenciou un estes episodios.

"En Meirás hai uns túneles antigos e a xente métese alí para sacarse fotos cando hai mar enorme", conta un mozo de Ferrol.

Porque o perigo é real aínda que non sexamos conscientes. O ano pasado, unha viaxeira alemá foi arrastrada polas ondas ao intentar sacar unha foto nunha praia de Baiona. En Ortigueira, un turista de León caeu nos cantís de Loiba. Nalgúns casos, como fixeron nunhas canteiras do Porriño, as autoridades colocan avisos evidentes para advertir do risco. Pero con frecuencia, nin iso detén os buscadores de likes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade