Reforzo policial en Santiago e A Coruña por convocatorias de "Blocus" para saquear comercios
A Policía Nacional segue a evolución das convocatoria desde hai días, aínda que pon en dúbida que cheguen a materializarse.
As convocatorias animan a provocar disturbios e roubar en establecementos comerciais coincidindo coa noite de Halloween.
No caso de Santiago a mensaxe difundida nas redes sociais en nome de Blocus sitúa ás seis da tarde o punto de encontro na Praza Roxa e chama a provocar saqueos en comercios do centro da cidade e das Cancelas . A Policía Nacional segue desde hai días a evolución deste chamamento, e aínda que pon en dúbida a súa credibilidade, confirmou que van refozar a presenza de efectivos policiais. Desde a asociación veciñal do Ensanche tamén cuestionan a credibilidade da convocatoria pero recoñecen que hai intranquilidade entre residentes e comerciantes
"A Praza Roxa precisamente para unha concentración deste tipo con cinco furgonetas xa o tes controlado, entón non lle damos moito crédito a esto. Dito esto, o certo é que sexa comos sexa quen fixera a convocatoria, o medo xa está establecido e o dano xa está tamén feito", asegura Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación veciñal Raigame do Ensanche
"Preocupación en certa maneira, non esaxerada pero si, unha atención a ver que pode pasar. Estar atento, eu vou estar aquí". "Estamos un pouquiño intranquilos e preocupados porque non sabemos o que vai pasar", din dous comerciantes do centro de Santiago.
Ademais da convocatoria de Santiago, A Coruña aparece menciondada noutro chamamento en redes sociais para provocar saqueos en distintas cidadades de España, coincidindo coa noite de Halloween. A Policía Nacional confirmou que ante esta convocatoria tamén vai reforzar a vixilancia na cidade como medida preventiva.