O mercado das flores de Vilagarcía pecha o domingo ao mediodía
É unha instalación temporal para facilitar o comercio de ramos e centros para Defuntos.
Os máis vendidos custan entre 30 e 50 euros.
En Vilagarcía está aberto o mercado das flores, unha instalación temporal para facilitar o comercio de ramos e centros nos días previos a Defuntos. As floristas din que xa venderon ben os primeiros días de apertura do mercado. Aconsellan non esperar para o último minuto.
Floristas e compradoras apuran as últimas horas antes do peche no mercado das flores de Vilagarcía. É unha instalación temporal que abriu o xoves ata o domingo.
"Facilita porque non tes que andar por aí, vés aquí e é moi cómodo", recoñece unha compradora.
A concentración de florerías nun mesmo espazo axuda, sobre todo ás persoas que non teñen encargado e acoden a última hora.
"Coma todos os anos, no último momento, é unha desgraza pero é a verdade". "Nunca encargamos, vimos e o que nos guste é o que levamos", din dúas compradoras.
Para escoller hai variedade. Flores soltas, ramos ou centros de moitos tamaños, estilos e tamén prezos.
"Hai vasiños, especiais para cada sitio, xa os traen encargados. Desde o máis baratiño a quince ou dezoito euros ata cen, douscentos, trescentos, o que queira gastar cada persoa". "O que máis se vende é o de cincuenta. Trinta, corenta, cincuenta é o que máis se vende", explican dúas floristas.
"Caras, están caras, pero é unha vez ao ano". "Máis ou menos coma o ano pasado, un pouco menos de corenta, para poñer catro floreiros está ben". "Isto é un atraso. Ao mellor en todo o ano non se vai ao cemiterio e hoxe... Mira 45 euros iso, tendo flores na casa a encher", comentan varias compradoras.
O domingo é o último día de apertura da carpa, pero só en horario de mañá.
"Mañá o que quede, a xente que non se arrisque a mañá porque igual levan unha sorpresa este ano porque abriu menos a flor e houbo menos cantidade de flor", advirte unha florista.