Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os viveiros preparan a saída ao mercado do crisantemo, a flor estrela para Defuntos

Os viveiros preparan a saída ao mercado do crisantemo, a flor estrela para Defuntos

Plántase en maio e sae ás tendas a mediados de outubro

É o favorito dos camposantos, tanto en testos como cortado para facer centros

G24.gal 08/10/2026 14:07

Nun viveiro de Cuntis están que non paran nestes días, case tanto como na primavera. 

"Temos que estar case as 24 horas coas plantas, requiren moitísimos coidados", explica Manuel Ángel Figueiras Castro, do viveiro Enanflor.

Toca preparar os crisantemos para Defuntos e aquí teñen unha hectárea de terreo dedicada a eles.

"A plantación comezou a finais de maio e medra ata outubro, empezamos a vendela o día 18".

Sulfatar, fertilizar, regar, todos os coidados son poucos para que luzan perfectos no camposanto.

"Botámoslle fertilizante e ferro na auga, para que a planta enverdeza e medre forte".

Hainos tipo margarida, para levar co testo enteiro ao nicho, e hainos tipo pompón, máis grandes, para cortar e facer centros.

"Para que saia a flor grande hai que eliminar competencia e quitar os gromos do redor para só deixar o do centro".

En dez días sairán cara a feiras e florerías. Aínda non saben a que prezo. Pero seguramente algo máis caros ca o ano pasado, porque custou máis producilos.

"Os sulfatos e os fertilizantes subiron moito e tamén houbo problemas para regar por culpa da seca".

Chegarán ás tendas marcando a cor, pero aínda algo pechados para poder dar a súa mellor no día de Defuntos. Despois aguantarán coa flor aberta durante todo novembro na memoria dos que non están.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade