Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rajoy e Cospedal declararán como testemuñas o 23 abril no xuízo do caso Kitchen

Rajoy e Cospedal declararán como testemuñas o 23 abril no xuízo do caso Kitchen

Comezará o 6 de abril e sentará no banco dos acusados o exministro do Interior Jorge Fernández Díaz; o seu número dous, Francisco Martínez, e parte da cúpula policial durante o primeiro goberno de Rajoy

Rajoy, Cospedal e Sáenz de Santamaría, que declararán como testemuñas, nunha imaxe de arquivo (Eduardo Parra / Europa Press) Rajoy, Cospedal e Sáenz de Santamaría, que declararán como testemuñas, nunha imaxe de arquivo (Eduardo Parra / Europa Press)
G24.gal 24/03/2026 15:36

O expresidente do Gobeerno Mariano Rajoy e a exministra e ex secretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal declararán o próximo 23 de abril como testemuñas no xuízo da operación Kitchen, que vira ao redor dunha suposta espionaxe parapolicial a Luis Bárcenas en busca de documentos do caso Gürtel.

A Audiencia Nacional configurou xa o calendario do xuízo desta rama do caso Villarejo, que comezará o 6 de abril e sentará no banco dos acusados o exministro do Interior Jorge Fernández Díaz; o seu número dous, Francisco Martínez, e parte da cúpula policial durante o primeiro goberno de Rajoy.

Entre as testemuñas que desfilarán pola Audiencia Nacional figuran varios compañeiros de goberno do exministro, como a exvicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, citada o 27 de abril, ou quen fose sucesor de Fernández Díaz á fronte de Interior, Juan Ignacio Zoido, citado tamén o 23 de abril.

Tras Zoido e despois da moción de censura que deu paso ao Goberno de Pedro Sánchez, chegou ao Ministerio do Interior Fernando Grande-Marlaska, quen tamén declarará como testemuña no xuízo, no seu caso o 11 de maio.

Pero antes, no mes de abril, o tribunal chamou a declarar a un puñado de exdirixentes do Partido Popular para dar a súa versión sobre a presunta operación parapolicial orquestrada en 2013 desde o Ministerio do Interior, e supostamente pagada con fondos reservados, para seguir a Bárcenas e á súa familia en busca de documentos relacionados co caso Gürtel que puidesen comprometer ao partido ou aos seus dirixentes.

Entre eles, por exemplo, está tamén Javier Arenas, citado o 27 de abril.

Tamén en abril, o día 23, está citado o director da Policía no momento en que transcorreron os feitos, Ignacio Cosidó.

Un día antes, o 22, será a quenda da exparella de Cospedal, Ignacio López del Hierro. Tanto este empresario como a exministra estiveron investigados durante un tempo na causa, aínda que o xuíz Manuel García-Castellón, que dirixiu a instrución, acabou arquivando o caso contra eles coa oposición da Fiscalía.

Bárcenas, a súa muller e o seu fillo

Todos eles declararán despois que os prexudicados: o propio Luís Bárcenas, que foi tesoureiro do PP e pasou varios anos en prisión pola súa participación no caso Gürtel, e a súa muller, Rosalía Iglesias, que tamén foi condenada, declararán o 20 de abril; o seu fillo, Guillermo Bárcenas, vocalista do grupo Taburete, farao o 23.

Xa en maio será a quenda de exaltos cargos policiais como Manuel Sánchez Corbí, que foi xefe da Unidade Central Operativa (UCO), citado o 4 de maio, o mesmo día que o exdirector do CNI Félix Sanz Roldán.

Ademais de Fernández Díaz e Francisco Martínez, que afrontan unha petición da Fiscalía de 15 anos de cárcere, tamén se sentarán no banco quen fose asesor de Cospedal no Goberno de Castela-A Mancha, o comisario Andrés Gómez Gordo; o exnúmero dous da Policía Eugenio Pino e ex altos cargos policiais como José Luis Olivera ou Marcelino Martín Blas.

Entre os acusados tamén está o excomisario Villarejo -que afronta a maior petición de pena (19 anos)-, ou o chofer de Bárcenas, Sergio Ríos, presuntamente captado como confidente na operación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade