Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fernández Díaz pide a súa absolución en Kitchen e acusa o seu número 2 de manipular probas

Fernández Díaz pide a súa absolución en Kitchen e acusa o seu número 2 de manipular probas

O avogado que representa o exministro do Goberno de Mariano Rajoy neste xuízo apuntou aos contactos do exsecretario de Estado de Seguridade coa trama de Leire Díez en busca de beneficios no xuízo de Kitchen

O exministro, á súa chegada á Audiencia Nacional, este mércores (EFE/Mariscal) O exministro, á súa chegada á Audiencia Nacional, este mércores (EFE/Mariscal)
G24.gal 22/07/2026 12:28

A defensa do exministro do Interior Jorge Fernández Díaz pediu a súa absolución no xuízo de Kitchen porque non se acreditou ningún dos delitos que se lle atribúen, xa que as únicas probas en que se sustentan son as mensaxes manipuladas que achegou o que fora o seu número dous, Francisco Martínez, para incriminalo nesta operación de espionaxe ao extesoureiro do PP Luis Bárcenas.

O avogado que representa ao exministro do Goberno de Mariano Rajoy neste xuízo, Jesús Mandri, alén de acusar o exsecretario de Estado de Seguridade de manipular probas, apuntou aos contactos que este mantería coa trama de Leire Díez en busca de beneficios no xuízo de Kitchen.

Ao longo do seu informe final, a defensa de Fernández Díaz sostivo que o exministro nunca estivo informado desta operación a pesar do que poida constar nas mensaxes que protocolizou Martínez ante notario e coas que pretendeu demostrar que o seu superior estaba ao tanto de todo.

"Estas mensaxes resultan inverosímiles", reiterou a defensa do exministro, ao destacar que este nunca escribía coa letra k en lugar do q nin informaba o secretario de Estado sobre algo relativo a unha operación que descoñecía ou que falase dun suposto contacto de Cecilio, que aludiría ao CNI, cando se descartou no xuízo calquera participación do Centro Nacional de Intelixencia nestes feitos.

Deste xeito, defendeu a tese de que son mensaxes que non existiron nunca, e, se existiron, non foron enviadas por Fernández Díaz.

Trátase, insistiu, dunha manipulación, e considerou moi relevante que a defensa do exsecretario de Estado non formulase preguntas aos notarios que protocolizaron esas mensaxes nin tampouco aos peritos xudiciais e de parte.

"A única persoa que presentou fontes de proba para acreditar que non recibiu esas mensaxes foi Fernández Díaz", subliñou o avogado, que lembrou que non apareceron no envorcado dos seus teléfonos nin dos de Martínez e preguntouse se é que non existiron ou se as borrou, e nese último caso que sentido tería borralas cando poden ser exculpatorias.

Alén de desacreditar o valor das actas notariais coas mensaxes que supostamente o ministro lle enviou a Martínez, o letrado restou valor ás anotacións de Villarejo nas súas axendas e ao testemuño do empresario Javier Pérez Dolset en relación a unhas gravacións nas que o exscretario de Estado incrimina en Kitchen a Fernández Díaz.

Respecto a isto último, a defensa do exministro puxo de relevo as reunións, coñecidas recentemente, que Martínez mantivo con Leire Díez e Pérez Dolset nas que lle pediron información que prexudicase o PP a cambio de axudarlle coa Fiscalía en Kitchen.

En canto aos delitos dos que se acusa e polos que se enfronta a unha petición do fiscal de 15 anos de cárcere, o seu avogado falou de absolución clamorosa con respecto ao delito de malversación de fondos públicos polo pago de fondos reservados ao chofer de Bárcenas captado para a operación Kitchen, Sergio Ríos, quen tamén senta no banco.

Sobre ese asunto, o letrado expuxo que non exercía o control dos fondos reservados, que non hai proba da súa participación na captación e o pago a Ríos nin de que tivese coñecemento do envorcado dos dispositivos de Bárcenas, se estes se produciron, o cal tamén puxo en dúbida.

De ser absolto por malversación, considerou que o resto de delitos dos que é acusado están prescritos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade