Os Estados Unidos lembran as vítimas do 11S no 25 aniversario
Biden, Obama e Clinton asisten á cerimonia de Nova York
Trump estivo no acto celebrado no Pentágono contra o que impactara un terceiro avión aquel 11 de setembro de 2001
Un home ante o memorial dos atentados feito sobre o lugar que ocupaban as Torres Xemelgas. Reuters
Os expresidentes dos Estados Unidos Bill Clinton, George Bush, Barack Obama e Joe Biden, xunto ao alcalde de Nova York, Zohran Mamdani, asistiron este venres á cerimonia en recordo dos atentados do 11S na Gran Mazá, un evento que non contou coa presenza do actual presidente, Donald Trump.
Ao redor dos estanques que substitúen ao lugar onde se levantaban as Torres Xemelgas congregáronse ademais outras figuras políticas como os exalcaldes Bill de Blasio e Rudy Giuliani, este último a cargo da cidade cando sucederon os ataques.
Trump, nacido en Nova York, non acudiu á cerimonia, unha decisión inusual no caso dun presidente estadounidense. No seu lugar, o líder republicano elixiu acudir ao acto celebrado no Pentágono, no estado de Virginia, onde o 11 de setembro impactou un terceiro avión no que morreron 184 persoas.
Un cuarto avión caeu nun campo aberto no estado de Pensilvania debido á revolta dos pasaxeiros, que evitaron que voase cara a Washington, onde tiña como obxectivo previsiblemente a Casa Branca ou o Capitolio.
25 anos despois, as familias das vítimas congregáronse ao redor do Memorial, e entre o público moitas delas levantaban fotografías dos seus seres queridos que perderon a vida aquel 11 de setembro.
Ás 8.46, (14.46 hora galega) momento no que impactou o primeiro avión contra a torre norte, e despois de que un coro entoase o himno dos Estados Unidos, comezou o acto de xeito oficial, no que se mencionan os nomes dos falecidos e gárdanse varios minutos de silencio, reservado aos familiares e a cargos institucionais.
Á parte desta cerimonia, o Oculus proxecta brevemente, como todos os anos, dúas columnas de luz natural no chan e pola noite acenderanse dous potentes feixes de luz artificial cara ao ceo, visibles desde todos os recunchos.
Á parte das vítimas do propio atentado, que inclúe aos tripulantes dos avións, traballadores das torres, persoal de emerxencias como bombeiros e transeúntes, miles de persoas máis faleceron como consecuencia de enfermidades relacionadas coa contaminación que provocaron os residuos.
Tamén se conmemora neste acto aos falecidos no ataque ao World Trade Center de 1993