Morre Emma Bonino, exministra e excomisaria europea de Pesca, aos 78 anos
É unha das políticas máis recoñecidas de Italia polas batallas que impulsou en favor da legalización do aborto, o final da enerxía nuclear e en contra de calquera forma de autoritarismo
Xogou un papel clave como eurocomisaria de Pesca durante a guerra do fletán de 1995
Recibiu o Premio Príncipe de Asturias á Cooperación Internacional en 1998
Emma Bonino, durante unha entrevista televisiva en 2001 (LaPresse/Zuma Press/Europa Press)
A política italiana Emma Bonino, exministra e excomisaria europea de Pesca, faleceu este venres aos 78 anos en Roma, segundo informou o partido político Più Europa, que ela mesmo fundou.
"Hoxe non nos deixa soamente a nosa líder, déixanos unha das protagonistas máis lúcidas, valentes e libres da historia política do noso país e do mundo libre", anunciou a organización.
A política foi ingresada en estado grave o pasado domingo no hospital Santo Spirito da capital italiana, onde residía, e o xoves foi trasladada a unha clínica privada.
Unha vida en defensa das mulleres e das liberdades
Bonino (Bra, 9 marzo de 1948) é unha das políticas máis recoñecidas de Italia polas batallas que impulsou na súa dilatada traxectoria, como a legalización do aborto ou o final da enerxía nuclear, pero tamén no escenario internacional.
"Sempre radicalmente libre. A súa vida foi unha longa loita contra todo aquilo que nega as liberdades: contra o aborto clandestino, contra a fame no mundo, contra a partitocracia, contra a mutilación xenital feminina, contra o xusticialismo, contra os xenocidios, contra calquera forma de autoritarismo", subliñou o comunicado.
Expoñente desde 1975 do Partido Radical Italiano, unha formación de corte liberal e reformista, foi deputada, senadora e catro veces europarlamentaria, e tamén foi comisaria europea de Consumo, Pesca e Axuda Humanitaria entre 1995 e 1999.
Xogou un papel clave durante a guerra do fletán en 1995, cando foi apreixado o buque vigués Estai por patrulleiras canadenses, que deu lugar a unha longa batalla diplomática entre a Unión Europea e Canadá.
En Italia foi dúas veces ministra para gobernos socialdemócratas: de Asuntos Europeos e Comercio Internacional no de Romano Prodi (2006-2008) e de Exteriores con Enrico Letta (2013-1014).
En 2015 diagnosticóuselle un microcitoma pulmonar, un cancro contra o que loitou publicamente e cun característico pano na cabeza, ata anunciar en televisión en 2023 que o superara.
O pasado mes de decembro volveu ser ingresada no hospital tras sufrir unha insuficiencia respiratoria.
As súas batallas e chamamentos pola xustiza valéronlle numerosos recoñecementos como a Gran Cruz da Orde do Mérito da República Italiana, a Lexión de Honor francesa ou o Premio Príncipe de Asturias á Cooperación Internacional de 1998.