25 anos do 11S: os atentados que cambiaron o mundo
O 11 de setembro de 2001, catro avións comerciais foron secuestrados por membros de Al Qaeda e utilizados para atacar as Torres Xemelgas e o Pentágono
Case 3.000 persoas morreron nunha xornada que conmocionou o mundo e marcou un antes e un despois na historia dos Estados Unidos
Os atentados obrigaron os países a reforzar a súa seguridade e transformaron a súa política de defensa
As imaxes dos atentados contra o World Trade Center conmocionaban os Estados Unidos e paralizaban o mundo ese 11 de setembro de 2001, ás tres menos dez da tarde, hora galega.
Dezanove membros da Al Qaeda de Bin Laden secuestraban catro avións comerciais para estampalos contra as Torres Xemelgas de Nova York e contra o Pentágono. Un cuarto avión estrelouse en Pensilvania. Case tres mil persoas morreron nos ataques. Dúas mil seiscentas só en Nova York.
Un día gravado na historia de Estados Unidos, que deixou moitas imaxes icónicas. E varios nomes propios. Como Mohammed Atta, suposto cerebro dos atentados. Pilotaba un dos avións.
E Khalid Sheikh Mohammed, autoproclamado autor intelectual, detido en Guantánamo desde 2006. O xuízo contra el está fixado para xuño de 2028.
O día do horror non só mudou a liña do horizonte de Nova York. Foi o inicio da ofensiva de Estados Unidos contra o terrorismo, que levou á guerra contra Afganistán, contra Iraq, á caída de Bin Laden en 2011... Os ataques terroristas chegarían anos despois a solo europeo. A París e a España, en 2011.
Os atentados do 11S cambiaron o mundo, a xeopolítica. Os países reforzaron a seguridade nos aeroportos. Mudou a maneira de entender a defensa. Tamén Europa transformou os seus mecanismos de cooperación policial e de intelixencia.