Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alborán, Nena Daconte e Chambao, cabezas de cartel do Festival da Luz 2026

Alborán, Nena Daconte e Chambao, cabezas de cartel do Festival da Luz 2026

O festival celebrarase entre o 28 e o 30 de agosto en Boimorto

No acto deste martes entregáronse os 111.075 euros recadados o ano pasado de forma benéfica. EFE/Cabalar. No acto deste martes entregáronse os 111.075 euros recadados o ano pasado de forma benéfica. EFE/Cabalar.
G24.gal 24/03/2026 15:28

Pablo Alborán, Nena Daconte e Chambao encabezan o cartel do Festival da Luz 2026, que se celebrará do 28 ao 30 de agosto en Boimorto. Será a décimo quinta edición e as entradas xa están á venda.

O evento, que suma nas súas quince edicións máis de 700 artistas que asisten de forma solidaria, contará con música electrónica, punk, cumbia, pop, grunge, flamenco-pop, cantautores, música de raíz galega.

Ademais dos principais nomes do cartel Pablo Alborán, Nena Daconte e Chambao, estarán Repion, Boikot, La ienen Querida ou Luar na Lubre. Tamén estarán Kris K DJ e De Lara DJ, unha banda tributo a U2, Cómplices, Ráfaga, La Paloma, Treixadura, Budiño, Os Santiaguiños de Boimorto e as bandas de música de Salceda e Arzúa.

Como novidade estará a iniciativa Sílgaro, froito dunha alianza de cooperación entre varios grupos de desenvolvemento rural, que contará con artistas emerxentes de música de raíz galega, que no seu repertorio van interpretar unha peza ensaiada e interpretada con colexios de primaria e persoas maiores da zona.

A promotora do evento, Luz Casal, lembrou que o Festival da Luz, que se celebra no seu municipio natal, ten "tres patas" que o fan "único": é benéfico, aposta pola música e pon en valor o medio rural.

Sobre o primeiro incidiu en que serve para "axudar aos máis débiles, aos máis fráxiles" e, respecto ao segundo, salientou que "caben todas as manifestacións artísticas musicais", con especial importancia dos artistas galegos. Sobre o medio rural, subliñou que o festival busca celebrar a importancia do campo en "unha especie de romaría que dura tres días".

"Para min, formar parte do Festival da Luz, é unha das cousas máis importantes que fago na miña vida por moitísimas razóns, por iso síntome orgullosa, feliz e creo que non deixaremos de facelo por moitos anos", proseguiu.

A cantante puxo en valor a traxectoria do evento, que suma quince anos de experiencia nos que creceu a partir dunha vontade de apostar pola música, a solidariedade e o rural.

"Algo que foi unha idea que non era moi sólida, que tiña moitos inconvenientes, pero entre todos conseguimos facer algo único e exemplar", agregou.

No acto deste martes entregáronse os 111.075 euros recadados o ano pasado de forma benéfica e foron para a Federación de Sociedades Musicais da Comunidade Valenciana (104.075 euros), a Cruz Vermella (3.000) e diferentes proxectos do municipio de Boimorto (4.000).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade