Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza en Pontevedra o xuízo contra o presunto asasino dun mozo en Salceda

Comeza en Pontevedra o xuízo contra o presunto asasino dun mozo en Salceda

O procesado, de nacionalidade albanesa, foi detido en xaneiro de 2024 no Reino Unido e extraditado a España por eses feitos que sucederon hai case 7 anos

Concentración de familiares da vítima en xuño de 2019 en Salceda de Caselas (Arquivo TVG) Concentración de familiares da vítima en xuño de 2019 en Salceda de Caselas (Arquivo TVG)
G24.gal 23/03/2026 09:09

O presunto asasino de Soufian M.,l á saída dun local de copas de Salceda de Caselas (Pontevedra) a madrugada do 8 de xuño de 2019, será xulgado esta semana por un xurado popular na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Este luns, a partir das 10 horas, constituirase o xurado e, posteriormente, está previsto que declare o acusado, Florian R., e comecen as testificais, que continuarán pola tarde, segundo avanzou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O martes declararán 17 axentes da Garda Civil e cinco peritos e o mércores o xurado comezará a deliberar.

O procesado, de nacionalidade albanesa, foi detido en xaneiro de 2024 no Reino Unido e extraditado a España por eses feitos que sucederon hai case 7 anos.

Segundo recolle o escrito de acusación o día dos feitos, ás 04:50 horas, a vítima atopábase na terraza do bar La Parchita cuns amigos, e o agresor, de nacionalidade albanesa, achegouse a el; tras falaren un breve instante, recriminoulle de forma violenta que lle tirase a copa, empuxouno, colleuno pola camiseta á altura do ombreiro e comezou a forcexar con el á vez que o levou en dirección ao Concello.

No camiño, o agredido caeu ao chan e o acusado sacou por sorpresa un coitelo que lle cravou ata en tres ocasións en zonas vitais, tras o que saíu correndo.

O ferido logrou levantarse e saír correndo detrás do acusado ata que chegou a un banco situado fronte ao consistorio no que sentou agarrando a zona do estómago.

Renovou a marcha, pero despois caeu e faleceu debido a unha hemorraxia externa e interna masiva secundaria ás feridas causadas por unha arma branca, con perforación do corazón.

O fiscal interesa a execución íntegra da pena que se lle impoña en España e, se accedese ao terceiro grao ou se lle concedese a liberdade condicionada, ao carecer de arraigamento aquí, pide a súa expulsión do territorio nacional e prohibirlle o seu regreso en 10 anos.

Tamén reclama indemnizacións de case 300.000 euros para os pais e irmáns da vítima. 

Deron con el anos despois no Reino Unido

O presunto asasino, que rolda a trintena e conta con antecedentes por tráfico de drogas e crime organizado, foi detido tras unha laboriosa investigación das autoridades.

Foi arrestado no condado británico de Cheshire o 6 de xaneiro de 2024 e extraditado despois a España, onde pasou á disposición xudicial a finais dese mes nos xulgados do Porriño.

Alí, recibírono ao berro de "Asasino!" familiares e amigos da vítima Soufian M.

Siham, irmá da vítima, pedía entón que se investigasen máis os feitos polos rumores de que, á parte do autor material, había un intelectual, sospeitas que se baseaban no asañamento co que actuou o detido, pero só foi procesado este.

Os investigadores dispoñían dunha fotografía do homicida, que fuxiu do lugar á carreira tras cometer o crime, pero só mostraba un perfil parcial dun home.

Ademais, especialistas do laboratorio de criminalística da comandancia de Pontevedra obtiveron un perfil xenético dubitado, que, ao contrastar coas bases de datos policiais, lanzou numerosos candidatos.

Non foi ata principios de 2022 cando a investigación logrou reducir este abano ata un único sospeitoso.

Tras ditar unha orde de procura, captura e ingreso en prisión contra o presunto culpable, que xa contaba con outra ditada por un xulgado de Cambados pola súa implicación en narcotráfico, todo o labor policial se centrou en localizalo.

Diversas informacións apuntaban que abandonaría o territorio nacional tras cometer o crime e os investigadores lograron seguir a súa pista por diferentes países, entre eles Portugal, Francia, Italia, Albania, Grecia e, finalmente, O Reino Unido.

Cos datos achegados á policía inglesa a través da Interpol, as autoridades deron con el e activouse o procedemento de extradición a España, onde se atopa en prisión provisional e será xulgado a partir deste luns. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade