Os detidos que quedaran en liberdade negan ter vínculo co suposto líder do alixo de cocaína do Simione
Os detidos que quedaran en liberdade negan ter vínculo co suposto líder do alixo de cocaína do Simione
Na cuarta sesión do xuízo que se celebra en Vigo compareceron como testemuña algúns dos once detidos inicialmente na operación Sugar Brown
O suposto líder da organización pediu declarar ao final da vista
A operación Sugar Brown, que permitiu á Garda Civil incautarse en decembro do ano 2022 de tres toneladas de cocaína a bordo do pesqueiro con bandeira de Angola, saldouse inicialmente coa detención de 16 persoas. Pero só cinco acabaron no banco dos acusados. Algúns dos once que quedaran en liberdade foron chamados a declarar como testemuñas no xuízo.
A maioría son persoas da zona do Salnés, que presentaban algún vínculo con algún dos imputados. Fiscalía e defensa tratan, cada un cos seus argumentos, de esclarecer a súa implicación na suposta rede que a organización tiña en terra para a posterior distribución da droga. Algunhas das testemuñas confesaron que non coñecían o líder da trama e o capitán do barco ata que coincidiron nos calabozos, cando foron detidos.
A causa entra na recta final, despois de que xa prestaron declaración catro dos detidos. O suposto líder da organización pediu declarar ao final da vista oral. Unha estratexia que lle permitirá preparar a súa defensa logo de evidenciarse na sala as probas na súa contra. A Garda Civil considérao como o organizador do frete do barco e tamén da recepción da droga en mar aberto e o seu traslado á costa galega. Pero os axentes abortaron o tráfico cando apreixaron o Simione preto de Cabo Verde.
Os acusados enfróntase a unha pena que suma 56 anos de cadea e 2.500 millóns de euros de multa.