Publicador de contidos

Publicador de contidos

O principal acusado desvincúlase do alixo de 2,8 toneladas de coca do Simione

O principal acusado desvincúlase do alixo de 2,8 toneladas de coca do Simione

O que era armador do buque asegura que contratou cunha empresa o traslado do barco desde O Senegal a Portugal para realizarlle reparacións e que foi nese tránsito cando se cargou a droga a bordo

G24.gal 23/04/2026 12:37

O sinalado pola Fiscalía como responsable do alixo de 2,8 toneladas de cocaína a bordo do buque Simione, Pablo G. F., coñecido co alias Pablo Oro, que se atopa en prisión provisional pola súa vinculación coa banda do narcotúnel de Ceuta, desvinculouse da carga da substancia estupefaciente que foi comisada en alto mar en decembro de 2022.

De acordo coa versión que deu este xoves ante o tribunal da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, el era o armador do buque -non o propietario-, e responsable do seu traslado de Angola ao Senegal, pero non do resto da travesía, que deixaría en mans dunha empresa de xestión marítima que contratou estando en Mauritania para que o barco chegase a Viana do Castelo co propósito de ser reparado.

Iso eximiríao de responsabilidade na carga da droga no buque, que se efectuou tras saír do Senegal e coller rumbo cara a Cabo Verde.

Segundo a súa versión, o barco non tiña que pasar por Cabo Verde para chegar a España nin dispuxo que houbese que ir a esas augas por cocaína: "Por suposto que non".

Desde Dakar, segundo dixo, non volveu intercambiar mensaxes coa tripulación sobre rumbos ou tempos de viaxe, senón unicamente atender cuestións como o saldo do teléfono satelital. Afirmou que perdeu o contacto o día 16 de decembro de 2022 e que, desde entón, non volveu saber da empresa xestora da travesía.

Outro procesado, P. M. M., de nacionalidade angolana, contou que embarcou en Luanda no Simione, no que levaba tempo traballando, con outros sete tripulantes do seu país. O seu xefe comunicoulle que Pablo era o novo armador e este contratouno, verbalmente, por 1.200 dólares coa promesa de, en Dakar, entregarlle o contrato e pasaporte, o que non se produciu.

Mentres os outros angolanos regresaron ao seu país, el, que era xefe de máquinas, quedou porque tiña que informar sobre os problemas mecánicos que tiña o buque.

Asegurou que descoñecía o cambio de rumbo cara a Cabo Verde e despois matizou que outro dos procesados, José M. C., foi quen lle trasladou que ían recibir pezas roubadas doutro buque. Finalmente, coñeceu que o que cargaran era ilegal, cocaína, e chegou a sacar fotos e un vídeo, ás agachadas, que pretendía enviar ao seu xefe, co que non logrou contactar antes de que a Garda Civil os interceptase.

Faltaron testemuñas

Este xoves estaban citadas outras testemuñas, entre eles o responsable da xestora que supostamente o xefe contratou para traer o buque a Europa, pero non prosperou a comisión rogatoria a Ghana para a súa declaración.

Por iso, o avogado do principal procesado solicitou a suspensión do xuízo, pero o tribunal incidiu na imposibilidade de practicar esa proba e, ademais, considerouna "innecesaria". O letrado anunciou que abrirá un incidente por non proceder "cunha solicitude formal a través do Ministerio de Xustiza" para que comparecese unha "testemuña fundamental".

Rebaixa as penas a dous procesados

Dos cinco procesados, tres declararan ao comezo deste xuízo, en marzo, e para dous deles o fiscal rebaixou as penas pola atenuante de confesión tardía.

Así, pide sete anos e 3 meses para José Javier F. V., ao que reclama dúas multas de 110 millóns de euros -a súa defensa pediu rebaixalo a 6 anos-, e seis anos e un día para Argentino R. E., ao que solicita 235.000 euros.

Para o resto dos acusados as penas chegan ata os 13 anos de prisión por un delito de tráfico de drogas a grande escala. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade