Un espectacular 'narcotúnel' en Ceuta conectaba Marrocos con traficantes galegos
En Galicia detiveron catro persoas, entre as que estaría o armador do Simione
O túnel que conectaba unha nave industrial de Ceuta cunha vivenda de Marrocos contaba cun montacargas para facilitar o tránsito da droga
Nave industrial no polígono do Tarajal, en Ceuta, onde supostamente estaba un dos extremos do 'narcotúnel' (EFE/Reduan Dris)
Un operativo da Policía Nacional acababa este venres cunha complexa infraestrutura para a importación de haxix desde Marrocos, con destino a Francia e España, e descubría un narcotúnel que permitía a introdución da droga desde o país norteafricano ata Ceuta. En total detiveron 20 persoas, en Galicia, Andalucía e Ceuta, das que 14 ingresaron xa en prisión.
En Galicia foron catro os detidos. Entre eles estaría un armador coñecido como Pablo Oro, segundo informa El Diario de Pontevedra, implicado no alixo do Simione, que está a ser xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sede en Vigo.
Dentro da complexa trama investigada, os catro detidos en Galicia serían os encargados do transporte e distribución da droga.
En Ceuta, localizaron un narcotúnel que conectaba, segundo os investigadores, unha nave do polígono do Tarajal cunha vivenda de Marrocos e que permitiría a entrada constante de toneladas de droga en territorio español.
O xornal El Faro de Ceuta informa de que ese túnel incluía un montacargas para facilitar o transporte do haxix, xa que permitía subir e baixar a mercadoría sen ter que contar con persoas para o traballo.
Vista do polígono do Tarajal en que se aprecia a proximidade das naves industriais coa fronteira marroquí (EFE/Reduan Dris)
A principal parte do operativo levouse a cabo na cidade autónoma, onde se realizaron a maioría dos arrestos e dos rexistros. A instrución do caso quedou en mans dun xulgado de Ceuta, que lle tomou declaración aos detidos, -os catro galegos fixérono por videoconferencia asistidos polas súas defensas-, e finalmente decretou o ingreso en prisión de 14 deles, incluídos os catro galegos.
Entre os detidos hai tamén un axente da Garda Civil, detido en Chiclana, en Cádiz, que xa non estaba en activo, e sobre o que polo momento prorrogouse a súa detención, e está previsto que este luns pase a disposición xudicial.
A investigación, tras varios meses de traballo, deixa a intervención preto dun millón e medio de euros e de numerosos equipos de investigación, e permitira xa interceptar en xullo do ano pasado un primeiro transporte de 15.000 quilogramos de haxix en Almería.
Fontes da investigación aseguran que o operativo logrou identificar os principais responsables da estrutura criminal, aqueles que tiñan a capacidade de negociar a droga en orixe, acordar a súa entrega e, unha vez en costas andaluzas, iniciar o seu transporte ata distintos puntos de Europa.
Entre eles estarían os catro detidos en Galicia. Segundo a información publicada polo Diario de Pontevedra, a Pablo Oro comisáronlle no seu domicilio centos de miles de euros e nun rocho dunha vivenda en Castrelos, en Vigo, atoparon uns cen quilos de cocaína e unha importante cantidade de haxix.