Visto para sentenza o xuízo a catro acusados de introducir 650 quilos de cocaína polo Porto de Vigo
Axentes da UCO buscan droga nun mercante no porto de Vigo. Arquivo. Adrián Irago/Europa Press.
O xuízo a catro acusados de introducir 650 quilos de cocaína, camuflados entre palés de banana polo Porto de Vigo en abril de 2023 quedou visto para sentenza este luns, coa declaración das últimas testemuñas e dos acusados.
A Fiscalía pide12 anos de cárcere para cada un dos procesados, un camioneiro e outros tres homes que viaxaron desde Málaga para facerse cargo da droga unha vez rescatada no porto.
Acúsaos de tráfico de drogas cometido por unha organización criminal.
A investigación deste transporte de drogas iniciouse grazas a un informe da DEA.
No marco do operativo policial, varios axentes encubertos infiltráronse na organización e así puideron saber, segundo declararon no xuízo, que o xefe do grupo pretendía facerse co monopolio da entrada de cocaína polo porto olívico.
Durante a última sesión do xuízo, os avogados defensores volveron cuestionar a actuación destes axentes encubertos e apuntaron que serían os funcionarios os que induciron os acusados á comisión do delito.
Igualmente, puxeron en dúbida a cadea de custodia da droga e afirmaron que os seus patrocinados foron meros secundarios neste transporte de droga.
Segundo expuxo a Fiscalía, a droga intervida, 650 quilos de cocaína, viaxou en dous palés nun contedor transportado a Vigo por un barco que zarpou de Costa Rica.
A organización dispuxo o traslado á cidade de tres homes para recibir o cargamento, e un cuarto implicado, o camioneiro, chegou uns días antes a Vigo para preparar o transporte.
A rede contaba cunha nave na estrada de Camposancos, onde fixeron o cambiazo da droga por palés cargados de banana, coa intención de que o destinatario final da froita non sospeitase e así poder volver utilizar no futuro esa vía de entrada de cocaína.
A Policía situou como xefe da organización a Damián G. U., que está en paradoiro descoñecido.