Arranca en Vigo o xuízo polo alixo de 3 toneladas de cocaína no Simeone
5 persoas enfrontan penas de entre 11 e 13 anos de cadea pola droga comisada no pesqueiro que partiu de Angola
O capitán retráctase da confesión inicial e exculpa o armador do Simeone
O alixo de máis de 3 toneladas de droga no buque Simione levou hoxe ao banco dos acusados o armador e a tripulación deste pesqueiro de bandeira angolana. Son 5 acusados para os que a fiscalía pide entre 11 anos e medio e 15 de cárcere por ser supostamente autores dun delito contra a saúde pública, agravado pola cantidade de droga, o uso dunha embarcación e pola actuacion dunha rede delitiva internacional.
Segundo a fiscalía, o armador do pesqueiro, un empresario con residencia en Vigo, organizou o transporte do cargamento de droga e a saída do barco de Angola cara a Senegal. Unha vez en Dakar, o barco puxo rumbo a Cabo Verde, onde supostamente cargaron a droga para dirixirse á costa española.
En decembro do 2022, a unidade de intervención da Garda Civil abordou o Simione na costa de Tenerife. Durante o rexistro, os axentes atoparon na cuberta principal e na bodega un total de 115 fardos con case 3.000 paquetes de cocaína cunha pureza do 77 % e un prezo estimado no mercado de 107 millóns de euros.
O armador, que levaba baixo vixilancia da Garda Civil dende agosto, foi detido en terra, e no rexistro da súa vivenda en Vigo atoparon diversos dispositivos electrónicos e documentación que permitiron coñecer a súa actividade no mercado ilícito de estupefacientes.
Ademais da pena de cárcere, a fiscalía pide o pago de multas para os cinco acusados, que suman máis de 636 millóns de euros.
O capitán do buque pesqueiro Simione retractouse das súas anteriores declaracións en sede xudicial e este luns asegurou que o xefe da trama non é un armador vigués senón outra persoa á que non delatou.
O considerado xefe da trama, Pablo G. F., con domicilio en Vigo, está procesado por ser o armador do barco e quen organizou a saída do buque de bandeira de Angola desde Luanda en novembro de 2022. El foi un dos dous acusados que pediu declarar ao final da práctica da proba e compareceu cunha máscara.
O capitán do buque, José Antonio C. R., ao que lle piden 11 anos e 9 meses de prisión, sinalou que non foi Pablo G. F. quen lle contratou nin quen lle deu as coordenadas onde ían cargar a droga, senón outra persoa, versión que difire da que prestou con anterioridade nesta causa. Segundo el, en instrución non delatou a ese xefe por "medo" e tampouco o fixo este luns porque segue teméndoo.
Si admitiu que Pablo G. F. enroloulle no barco e dáballe conta da travesía todos os días a través do teléfono. De feito, confesou que o empresario vigués mandoulle desfacerse dun dispositivo móbil e que tamén lle facilitou unhas coordenadas manuscritas para navegar a Senegal, pero non as do punto de encontro coa embarcación que lles pasou a droga, que ían mecanografadas.
Tamén relatou que houbo un motín a bordo por parte dos tripulantes locais que lle chegaron a dar dúas puñaladas cando souberon que ían recoller droga e non a pescar. Estes baixaron do barco do mesmo xeito que o capitán, tras o que el asumiu ese rol.
Ademais, contou que o barco tiña problemas, como fallos das máquinas ou na función do temón. "Este barco está maldito", chegou a escribir durante a travesía nunha mensaxe telefónica.
Segundo a Fiscalía, el incorporouse para gobernar o buque e tamén era plenamente consciente da finalidade ilícita da viaxe. Intervéuselle un teléfono satelital co que se enviaban e recibían coordenadas e un móbil no que gardaba unha fotografía dun papel coas coordenadas para a carga e descarga da cocaína.
O primeiro en declarar foi R. E., de nacionalidade arxentina, para o que a fiscalía pide oito anos e medio de cárcere e afirmou que a Pablo G. F. non o coñecía, senón que o viu por primeira vez nos calabozos. Ademais, rexeitou ter reunións con el antes de que ambos fosen detidos.A Fiscalía considéralle responsable da provisión de estupefacientes nas Rías Baixas e da súa lucrativa distribución no mercado ilícito.
José Javier F. V., para o que piden 11 anos e 6 meses de cárcere, relatou que embarcou como xefe de máquinas no Simione para ir do Senegal a Vigo e sinalou que Pablo G. F. pediulle recoller unhas coordenadas, pero el respondeulle que non era a súa función senón a do capitán. Tamén afirmou que descoñecía que o barco ía trasladar droga cando se enrolou. Este procesado incorporouse en Dakar ao buque, e a Fiscalía, no seu escrito de acusación, sostén que el era plenamente coñecedor do fin ilícito da travesía desde o momento do seu embarque.