Publicador de contidos

Publicador de contidos

Interceptan en Barro un motorista drogado que ocultaba cocaína nos xenitais

Interceptan en Barro un motorista drogado que ocultaba cocaína nos xenitais

G24.gal 27/04/2026 16:50

Axentes da Garda Civil de Caldas de Reis interceptaron na AG-41, á altura de Barro, dous homes que viaxaban nunha motocicleta e transportaban cocaína. Un deles levábaa oculta nos seus xenitais.

Os feitos tiveron lugar o pasado mércores, durante un dispositivo preventivo de Seguridade Cidadá, cando os axentes deron o alto a unha motocicleta, que estaba ocupada por un condutor e un pasaxeiro.

Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, os axentes realizaron un rexistro superficial e notaron que as persoas "mostraban certo nerviosismo".

Ante isto, identificaron os dous homes, con domicilio en Vigo e con antecedentes penais, e comprobaron as pertenzas que levaban nos petos.

Así, un deles intentou ocultar algo, pero os axentes pedíronlle que o entregase e sacou un envoltorio plástico de cor branca cunha substancia, que resultou ser un gramo de cocaína.

Os axentes tamén comprobaron os enseres do condutor e realizáronlle un rexistro corporal, no que notaron un vulto á altura dos seus xenitais. Por iso, pasaron ao axente canino que marcou a posible presenza de substancias estupefacientes.

A persoa accedeu a entregar un envoltorio plástico de cor branca, que resultou ser cocaína cun peso aproximado de 33,48 gramos e manifestou que a substancia era dos dous.

Os axentes tamén lle realizaron ao condutor a proba de detección de drogas e deu un resultado positivo en cocaína, polo que lle inmobilizaron a motocicleta.

Por todo iso, os axentes investigan as dúas persoas como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública, na modalidade de tráfico de drogas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade