Publicador de contidos

Publicador de contidos

Balance do operativo contra o narcotráfico no Salnés: 40 quilos de drogas, armas e dúas lanchas en Bilbao

Balance do operativo contra o narcotráfico no Salnés: 40 quilos de drogas, armas e dúas lanchas en Bilbao

A investigación comezou hai dous anos, e este mércores a Policía Nacional e a Garda Civil lanzaron unha operación simultánea con 12 rexistros, que deixou 11 detidos

Tras pasar a disposición xudicial decretouse o ingreso en prisión dun dos arrestados, mentres que outro máis xa estaba no cárcere tras ser detido hai un ano

G24.gal 24/04/2026 16:26 Última actualización 24/04/2026 16:56

O operativo levado a cabo por axentes da Policía Nacional e da Garda Civil esta semana, con epicentro no Salnés, deixa como balance provisional 11 persoas detidas, amais de 40 quilos de substancias estupefacientes comisadas, 19.000 euros en efectivo e diferentes tipos de armas.

A operación, bautizada como Helo/Kalidas, comezou en maio de 2024 tras diferentes investigacións. O 3 de outubro de 2025 os axentes interceptaron un vehículo en Ribadeo, que transportaba nun dobre fondo cinco quilos de cocaína e outros tantos de haxix.

Nese lugar procederon á detención do condutor, por un presunto delito de tráfico de drogas, e rexistraron o seu domicilio, onde atoparon 3,7 quilos de heroína, 5,4 quilos de cocaína, 10 de haxix, dous de substancia de corte e dous teléfonos satelitales. Daquela o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.

Durante a investigación, os axentes localizáronlle ao detido principal unha localización de almacenaxe de drogas e interviñéronlle 1,3 quilos de heroína, 600 gramos de cocaína e 100 gramos de haxix. 

Así as cousas, este mércores, na fase de explotación da operación, os efectivos actuantes practicaron 12 entradas e rexistros simultáneos en León, Bilbao, Caldas de Reis, Vigo, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Desta forma, os axentes interviñeron 9,5 quilos de cocaína, 0,5 quilos de heroína, 19.000 euros en efectivo, dúas pistolas e un revólver, 11 escopetas e munición. Tamén comisaron, en Bilbao, dúas embarcacións de alta velocidade (narcolanchas, consideradas de xénero prohibido en España) de entre 10 e 14 metros, unha delas con tres motores foraborda, así como catro vehículos.

Ademais, os axentes interviñeron 18 terminais telefónicos e outros dispositivos electrónicos, material para pesada e distribución de substancias e un inhibidor de frecuencia.

No marco da operación os axentes detiveron a 11 persoas, todos eles homes e con idades comprendidas entre os 41 e 52 anos, son veciños de Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Porto do Son e Bilbao.  

Este venres cinco deles pasaron a disposición xudicial en Caldas de Reis, mentres que outros seis foron postos en liberdade en sede policial, e outro máis xa estaba en prisión

Dos cinco que declararon ante a maxistrada de Caldas, un deles foi enviado a prisión, comunicada e sen fianza.

No computo total do operativo, interviñeron 5,5 quilos de heroína, 20 quilos de cocaína, 15 quilos de haxix e dous quilos de substancia de corte. Os investigadores dan por desarticulada unha importante organización criminal, que distribuía importantes cantidades de substancias estupefacientes, tanto a nivel autonómico como nacional.

No operativo interviñeron a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Vizcaya; o Grupo de Reserva número 7 de Pontevedra; a USECIC de Pontevedra e Bilbao; o Servizo Cinológico de Pontevedra e Bilbao; e o Servizo Aéreo da Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade