Os detidos no Salnés por narcotráfico gardaban quilos de cocaína na casa e nos coches
Os presuntos distribuidores de droga moverían cada mes uns cincuenta quilos de cocaína, que distribuían en varias provincias
Os detidos pola Garda Civil e a Policía Nacional en Vilanova, Vilagarcía e Caldas declararán no xulgado de Caldas, previsiblemente, este venres
A Policía Nacional e a Garda Civil desartellan no Salnés un presunto grupo que distribuía droga en varias provincias. Houbo rexistros domiciliarios e detencións nas últimas horas en Caldas, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
A investigación segue en marcha. De feito, podería haber novidades nas próximas horas, aínda que foi decretado o segredo de sumario. O que si está previsto que suceda nas próximas horas, en principio mañá venres, é que pasen por este xulgado de Caldas, que é o que leva o caso, os detidos.
Os apresados están a ser investigadas por pertenceren, presuntamente, a unha rede que distribuía droga. Houbo rexistros domiciliarios en Caldas e tamén en Vilanova e Vilagarcía. Investigan unha presunta trama de distribución que podería chegar a mover ata cincuenta quilos de cocaína cada mes.
Na casa dalgúns dos detidos atoparon os investigadores boa parte da droga que tiñan -supostamente, quilos- preparados para distribuír e vender en varias provincias. Tamén nos coches dos investigados atoparon cocaína os policías e gardas civís que levan o caso.
Nesta casa rexistrada nas últimas horas, en Vilanova, cando viron a presenza do equipo de TVG, seguramente a través das cámaras de vixilancia do exterior, abrían a mangueira para recibilo cunha molladura.
A operación está aberta, podería haber novas detencións.
Esta operación prodúcese só uns días despois de que se levaran a cabo outras detencións na zona do Salnés tamén vencelladas coa venda e distribución de drogas.