Os locais de ocio de Sanxenxo, obrigados a conectaren os seus sonómetros coa Policía en tempo real
Emitirán datos en directo a unha plataforma de control de ruído
O incumprimento da medida pode supoñer o peche de establecementos
Hai anos que, por lei, os locais de ocio noctuno conta cuns dispositivos que rexistran e limitan o nivel de ruído.
"Ese aparato de aí é un micro que recolle o son ambiente do local e, por outro lado, o mesa de son vai directamente ao receptor que calcula os decibelios que temos dentro do local, non no exterior, os que se están emitindo aquí dentro", explica José Diz González, xerente do local Dux.
A novidade é que agora os sonómetros terán liña directa coa Policía, emitindo datos en tempo real desde os locais ata unha plataforma de control acústico.
"Antes tiña que vir unha empresa a facer a medición. Agora so temos que mirar os gráficos da plataforma para saber o ruído de cada local e se se corresponden co horario. Se ten que pechar ás cinco, non pode haber ruído ás cinco e media", indica José Manuel Duarte, inspector da Policía Local de Sanxenxo.
Os hostaleiros de Sanxenxo teñen ata finais de mes para conectarse a esta especie de sonómetro municipal. Do contrario, podería haber peches.
"A licenza está suxeita a unha serie de requisitos, e quen non cumpra vai ter suspensión de actividade, as sancións previstas na ordenanza son moi duras", advirte o policía.
"Os locais de ocio nocturno somos unha pata importante do atractivo de Sanxenxo. Nós estamos para sumar e non para dar problemas, o noso sentir é que nós nos adaptaremos. Pero si temos que dicir que o horario é moi curto, e polo menos aquí no porto deportivo non hai veciños que molestar", engade o hostaleiro.
O Concello tamén anuncia que tomará medidas correctoras en caso de detectar zonas acusticamente saturadas.
"Véñense reiterando queixas por ruidos, últimamente moitas. Por iso de cara ao verán queremos establecer un mecanismo de control", conclúe o inspector.
A idea, defende, é que divertirse, descansar e ter un negocio de copas próspero sexan actividades compatibles no concello máis turístico de Galicia.